
O entroido de Neda vivirá este martes. festivo local, un dos seus días grandes. Unha xornada na que os máis pequenos da casa serán protagonistas, e que finalizará coa tradicional queima do meco, creación do artista local Carlos García.
A partir das 17 horas, está previsto o arranque da festa infantil, á que se convida ás familias a asistir disfrazadas, no pavillón municipal Ale de Paz. Un encontro que, como sempre, será de entrada libre, e no que non faltarán as propostas para que nenos e nenas de distintas idades poidan desfrutar ao grande.
Na festa haberá inchables, obradoiros de maquillaxe e caracterización, talleres de fabricación de chapas con súper- heroes e, como non, o espectáculo do cantabaila.
Unha vez finalizado, a iso das 19:30 horas, dende o pavillón sairá o pasarrúas, animado por Retumbatuke Percusión ata o campo dos Subarreiros. Neste punto, tras a lectura do testamento, a cargo do alumnado da escola municipal de teatro infantil, terá lugar a queima do “Pannocho”, o meco deseñado nesta ocasión polo pintor e escultor Carlos García.
Máis actividades
O entroido continuará en Neda coa celebración do Cocido interxeracional do Entroido (domingo 9 de marzo, no pavillón Ale de Paz) e a merenda- baile dos maiores, que terá lugar o 14 de marzo no centro cívico da vila.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.