O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe esta licitación, por un importe superior aos 750.000 euros
A Sociedade Galega do Medio Ambiente licita, por un importe de 761.120 euros (máis IVE), a subministración de carbón activo, elemento necesario no sistema de depuración de gases asociado á actividade da planta termoeléctrica, que se ubica no complexo medioambiental de Cerceda (A Coruña), recuperando na mesma, en forma de electricidade, o combustible derivado dos residuos non reciclables (CDR). O anuncio sae publicado hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) http://goo.gl/BnpFKX .
Neste proceso de depuración, os gases resultantes da combustión do CDR, que ten lugar en dúas caldeiras de leito fluído circulante a temperaturas superiores a 850ºC, atravesan uns ciclóns onde se separan as partículas máis grosas, procedendo a continuación á inxección de cal hidratada e carbón activo para a redución de dioxinas, furanos e metais pesados. Un filtro de mangas, no que se recollen as partículas máis finas, complementa a operativa.
A oferta técnica a presentar polas empresas candidatas debe incluír unha serie de datos tales como a nomenclatura e descrición do produto ofertado, ficha técnica e de seguridade, e documentación relativa á orixe e fabricante.
É necesario, e así se recolle no prego de condicións, que o carbón activo cumpra cunha serie de características en canto a composición, granulometría, humidade, temperatura de combustión, etc, podendo realizar Sogama, no momento en que así o estime oportuno, unha analítica da mercancía entregada que, de non cumprir cos requisitos, levaría aparellada a correspondente sanción.
Respecto á subministración, esta debe realizarse en sacos big-bags cun máximo de 600 quilos de peso cada un deles, coa previsión dun consumo anual de 268.000 quilos. A fin de evitar riscos, o adxudicatario débese comprometer a dispoñer dun stock mínimo de urxencia de 20 toneladas, que Sogama poderá solicitar en calquera momento e o contratista deberá entregar nun tempo inferior a 36 horas.
Así mesmo, deberá aportar un certificado de orixe do produto, que en todo caso debe estar localizado nunha factoría da Unión Europea, non podendo proceder de fóra das fronteiras comunitarias, así como un certificado de calidade e trazabilidade desde a súa orixe ata o seu destino.
Ademais de todo isto, esixirase un listado de referencia do emprego do carbón activo ofertado en plantas termoeléctricas de residuos urbanos similares á desta empresa pública e ubicadas dentro da Unión Europea.
O contrato, a realizar por un período de tres anos, poderá ser prorrogado por un máis, ata un máximo de catro.
O prazo para a presentación de ofertas conclúe ás 13,00 horas do próximo 18 de abril.
Máximas garantías
Tratándose dun elemento fundamental nos mecanismos de limpeza de gases, Sogama contempla unha serie de penalizacións vinculadas ás garantías técnicas.
Así, no caso de que o adxudicatario non cumpra cos prazos de entrega, as condicións das subministracións, ou ben que as especificacións técnicas non se axusten aos requirimentos do prego, a entidade poderá aplicar penalizacións de entre o 5 e o 10% do importe do contrato, levando á resolución do mesmo nos supostos nos que así se estableza.
Ademais, se por causas imputables á insuficiente calidade do carbón activo se evidenciase algún problema na aplicación da lexislación medioambiental en materia de emisións, ademais da correspondente penalización económica, o adxudicatario queda obrigado ao pago de cantas sancións se poidan producir por esta causa ante a administración competente.
Rigoroso cumprimento da Lei
As plantas de valorización constitúen, no ámbito industrial europeo, as instalacións máis vixiadas, rexendo para estas unha estrita lexislación ambiental. De feito, as emisións de dioxinas e furanos neste tipo de infraestruturas, que no caso de Sogama sitúanse 10 veces por baixo do límite legal, supoñen, conforme aos inventarios nacionais, o 0,07 por cento do total de emisións destas sustancias, situándose todos os parámetros en valores moi inferiores aos permitidos, o que garante un proceso absolutamente respectuoso co medio ambiente e a saúde das persoas.