
A Xunta de Goberno acordou esta mañá a adxudicación á empresa Inside The Team das obras para mellorar a accesibilidade en catorce puntos da cidade, por un importe de 229.847,23 euros. O executivo municipal tamén deu luz verde á contratación da redacción do proxecto e da dirección facultativa das obras de reurbanización da rúa Castrón-Douro-Sar con obxectivo de mellorar a accesibilidade a calidade do espazo público nesta zona. Destes asuntos deron conta esta mañá en rolda de prensa a voceira do Goberno municipal, Míriam Louzao, e o concelleiro de Vías e Obras, Xesús Domínguez.
Míriam Louzao abriu a rolda de prensa expresando en nome do Goberno municipal o pesar polo falecemento da alcaldesa de Lugo, Paula Alvarellos, a pasada fin de semana e mandando “unha
aperta de ánimo e solidariedade a toda a súa familia persoal e política”.
Melloras da accesibilidade
Xesús Domínguez detallou que o executivo municipal acordou adxudicación á empresa Inside The Team das obras para a mellora da accesibilidade en varios puntos da cidade, por un importe de 229.847,23 euros (IVE incluído). O concelleiro de Vías e Obras detallou, que ademais de ser a oferta económica máis vantaxosa, “ofrece como melloras a ampliación do prazo de garantía en 5 anos adicionais aos recollidos no prego, ampliación das medidas de control da calidade e ampliación das medidas de control ambiental”.
Estas obras, aliñadas cos criterios que recolle o Plan de Accesibilidade Universal de Santiago de Compostela, inclúe actuacións en 14 puntos concretos, “que se determinaron tendo en conta as incidencias remitidas pola veciñanza, visitas de campo e unha avaliación técnica para determinar as prioridades”, explicou o edil.
En concreto, os puntos que nos que se van realizar as obras de mellora son os seguintes: o paso de peóns na rúa do Río, xunto ao cruzamento coa Rúa do Lavadoiro; o paso de peóns na rúa do Lavadoiro xunto á escola infantil municipal de Meixonfrío; o cruzamento da rúa do Avío na rotonda superior da rúa; o paso de peóns na rúa do Avío; o cruzamento da rúa dos Irmandiños; o paso de peóns e a praza do aparcamento na rúa dos Xasmíns no cruzamento coa ruela da Estila; o cruzamento da rúa de Betanzos e da rúa Proxecto Vagalume, no acceso ao CEIP Apóstol Santiago; o paso de peóns en Rúa de Betanzos, xunto ao camiño peonil cara a rúa de Tomiño; o cruzamento da avda. Qurioga Palacios coa Costa do Vedor; o cruzamento en Rúa Gómez Ulla coa rúa do Hórreo; paso de peóns na rúa do Outeiro do Sar, no cruzamento coa rúa de Dublín; o paso de peóns na rúa de Dublín xunto á costa do Vieiro; o ámbito de acceso ao Centro Comercial Área Central na rúa de Berlín e na rúa de Varsovia.
Estas obras teñen como obxectivo principa a mellora da accesibilidade universal e a creación de itinerarios peonís seguros. Con este fin, levaranse a cabo traballos para a construción de pasos elevados de peóns, instalacións de pendentes de menos do 6% de inclinación, regularización dos pavimentos ou ampliación e continuidade das beirarrúas, entre outras.
Castrón Douro
A Xunta de Goberno tamén deu luz verde ao expediente de contratación do servizo de redacción do proxecto e de dirección facultativa das obras de reurbanización da rúa Castrón Douro – Sar, “unha obra que ten por obxectivo principal mellorar a accesibilidade da zona, evitar inundacións e mellorar a calidade do espazo público, con especial atención aos espazos de convivencia para a veciñanza”, salientou Xesús Domínguez.
Trátase dun proxecto encadrado dentro do Obxectivo Estratéxico 2 da Axenda Urbana 2030 que pretende evitar a dispersión urbana e revitalizar a cidade existente, no que ten que ver coa reordenación dos espazos perimetrais á améndoa e accións de conexión dos dous aneis da cidade.
Este proxecto, que contará cun orzamento base de licitación é de 102.869,99 euros (IVE incluído), busca aplicar criterios de calidade urbana similiares aos da cidade histórica, por considerarse que é a mellor forma de preservar o carácter patrimonial da zona de actuación. “Hai que ter en conta que se trata dunha rúa que forma parte dun corredor que vincula a cidade histórica co anel de espazos verdes e coa Cidade da Cultura, e que integra un conxunto patrimonial do nivel da Colexiata de Sar na súa contorna”, engadiu o concelleiro.
Parque infantil de Verdía
O executivo municipal tamén deu luz verde ao proxecto construtivo revisado da obra do parque infantil e biosaudable na antiga estación de Verdía, que contará cun orzamento tolal 150.000 euros (123.966,94 € + 26.033,06 € de IVE) e un prazo de execución de 40 días naturais. Este proxecto realizarase con cargo ao plan POS+ 2025 da Deputación da Coruña.
Outros asuntos
A Xunta de Goberno tamén acordou esta mañá a aprobación da prórroga do contrato de “Servizo de limpeza e desinfección de dispositivos de auga quente sanitaria e auga fría de consumo humano para o control e prevención da contaminación por lexionela nas instalacións deportivas municipais” subscrito coa empresa SANIASTUR, SL, polo prazo de 6 meses.
Tamén se aprobou aa actualización das tarifas dos aparcadoiros públicos do Horreo, San Clemente e San Caetano para o ano 2025, cunha suba do IPC dun 2,40% con respecto á última revisión de tarifas aprobada o 11 de marzo de 2024.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.