Monday 10 de March de 2025

O campo da festa de Sergude encheuse coa Festa de Entroido e os Atranques dos Xenerais da Ulla


Os veciños e veciñas de Sergude celebraron por todo o alto o día grande o Entroido na parroquia, que por vez primeira nos últimos anos contou coa complicidade da meteoroloxía, que acompañou durante toda a xornada e facilitou o normal desenvolvemento da programación prevista.

Unha festa tradicional que arrincou ás 10:00 horas, cos Correos, Xenerais e Comparsas percorrendo a parroquia de Sergude cos seus cantos de taberna e acompañados polo grupo local “Son de gaita”. Pola tarde, a partir das 18:30 horas, o campo da festa de Sergude foise enchendo de xente con moitas gañas de pasalo ben e desfrutar da Parranda de Entroido e da música de “Son de gaita”.

Puntuais chegaron os Xenerais da Ulla, quen ás 20:00 horas deron comezo a unha hora de Atranques. Unhas actuacións moi aplaudidas polos presentes, onde o bo humor estivo presente en todos os temas tratados, dende a parcelaria e o irmandamento co Concello de Lalín, ata os problemas que houbo este ano á hora de reunir xente para organizar a festa. O sorteo da carretilla do Entroido e a actuación do Dúo Óbice puxeron fin á festa.

Deja un comentario