
As familias das tres Casas Niño do municipio levaron o primeiro premio do Concurso de Disfraces deste ano
Máis de seiscentas persoas encheron na tarde/noite de onte domingo o pavillón polideportivo de Ponte Carreira durante a Festa e o Concurso de Disfraces do Concello de Frades. As persoas asistentes desfrutaron de inchables, obradoiros de maquillaxe, un concorrido fotomatón de Entroido e animación musical, coa aparición especial de Patricio, compañeiro de Bob Esponja, con quen toda a rapazada quixo facerse fotos. A maiores, o Concello de Frades convidou aos presentes a chocolate quente con rosca. E, unha vez rematada a entrega de premios do Concurso de Disfraces, todas as crianzas levaron cadansúa bolsa de lambonadas para a casa.
No que atinxe ao Concurso de Disfraces, repartíronse 1.200 euros en premios entre a vintena participantes nas distintas categorías. O gran premio da noite, os 300 euros do primeiro premio da categoría xeral grupo foi para a comparsa local “O mar de Frades”, unha selección de personaxes marítimos de Disney (Nemo, a sirenita…) que baixo os acorde de “Bajo el mar” interpretaron as quince familias das tres casas niño do municipio (Axóuxere, Xoaniña e Garatuxa). O segundo premio tamén quedou na casa, cunha espectacular representación de “Aladdin” por parte dun grupo de veciños de Ponte Carreira, que levaron 150 euros de premio. Completou o podio a comparsa “Os alienígenas”, con 75 euros.
O Concello de Frades entregou tamén tres premios especiais a tres grupos locais: “Os cazafantasmas”, “Medusas do Mesón” é “Feira de Abril”, de 125, 75 e 50 euros, respectivamente. A categoría adultos completouse cos premios individuais a “Pedro Picapiedra” e “Furby”, que levaron 100 e 50 euros.
Reciclaxe infantil
Finalmente, na categoría grupo infantil os tres premios quedaron en Frades. O primeiro premio de 100 euros foi para “Recíclate”, un fermoso e orixinal desfile de disfraces elaborados con material de reciclaxe: 173 bolsas do lixo, 16 envases de patacas fritidas, 262 globos usados, 63 pezas de Lego e 15 metros da cortina da casa da avoa para o decorado, como ben lembraron os catro cativos do CPI de Ponte Carreira. Completaron os premios da categoría infantil de grupo unha recreación de Mazinger Z e o baile de “As trillizas de Frades, grupo pop”, con 60 e 30 euros. Na categoría individual, premios para “O vátermóbil” e “Unha serea trae a súa maxia a Frades”, que levaron 60 e 30 euros, respectivamente.
Os premios foron entregados polo alcalde de Frades, Roberto Rey, quen estivo acompañado polos concelleiros de Cultura Manuel Ferreiro, integrante do xurado, e Mocidade, Juan Carlos Portos, e Turismo, Jesús Francos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.