
Haberá un dispositivo especial de seguridade na contorna da rúa da Torre e do Campo da Leña durante toda a xornada festiva
O Martes de Antroido e o Enterro da Sardiña pecharán este martes 4 e mércores 5 a programación municipal do Antroido coruñés, que se ven celebrando con diferentes actos desde o pasado sábado 22 de febreiro. “O Goberno de Inés Rey impulsa estes festexos, tan característicos da nosa cidade e que cada ano suman novas iniciativas que os poñen en valor”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo.
Sen dúbida, o dia forte dos festexos será este Martes de Antroido, coa programación concentrada no Campo da Leña e na Rúa da Torre, onde terán lugar os tradicionais concursos de disfraces e choqueiros e choqueiras, tanto na modalidade infantil como para adultos. Nestes concursos, como sempre, as persoas interesadas poderán inscribirse de maneira presencial o propio martes. Haberá, ademais, unha actuación musical de Broken Peach ás 21.00 horas para pechar a xornada na rúa da Torre.
Ademais, haberá unha xornada de portas abertas nos Museos Científicos, que require dunha reserva previa tanto para o Aquarium como para as sesións programadas no Planetario da Casa das Ciencias. O acceso á Domus e á Casa das Ciencias será libre, sen reserva. Haberá, por outra banda, un punto violeta con información ante posibles condutas machistas o martes 4 de marzo na rúa da Torre, á altura da Escola Municipal de Música, en horario de 19.30 a 0.00 horas. Haberá unha carpa fixa e tamén persoal itinerante.
Tamén o martes de Antroido ‘A Paca’ será protagonista coa colocación da súa placa de choqueira do ano na rúa de San Xosé, nun acto que se celebrará ás 13.30 horas. Como todos os anos, o Antroido coruñés renderá homenaxe ás súas figuras máis importantes, como Cantero, Canzobre ou Palau.
O Antroido coruñés rematará este mércores 5 de marzo co desfile do Enterro da Sardiña, que partirá do Circo de Artesáns e chegará á praia de San Amaro.
Dispositivo de seguridade
Por outra banda, durante toda a xornada deste Martes de Antroido haberá un dispositivo especial de seguridade integrado por máis de 70 efectivos de Policía Local, Bombeiros e Protección Civil. As alteracións e cortes de tráfico nas rúas lindeiras comezarán a partir das 15.30 horas. Afectarán á rúa da Torre (cortada desde a avenida de Hércules ata a praza de España), Miguel Servet, San Vicente de Paul, Curros Enríquez (en dirección á rúa da Torre desde a sede da Cruz Vermella), Marconi, Travesía da Torre, San Xosé, San Xoán, Panadeiras (acceso desde a praza de España) e Baltasar Pardal Vidal. O dispositivo especial de Tráfico finalizará ás 00.00 horas, á conclusión dos festexos.
Programacion de Antroido
Martes 4
● Todo o día – Museos Científicos Coruñeses – Xornada de portas abertas ● 12.00 horas – Rúa Arenal – Ofrenda a Fernando Cantero.
● 12.20 a 14.30 horas – Campo da Leña – Programa especial de Antroido de Radio Coruña.
● 12.30 horas – Praza do Parque – Ofrenda a Canzobre.
● 13.30 horas – Rúa San Xosé – Homenaxe a La Paca como choqueira do ano 2025. ● 14.00 horas – Praza de Iglesias Mato – Ofrenda a Palau.
● 17.00 horas – Campo da Leña – Concurso infantil e familiar de disfraces e choqueiros.
● 20.00 horas – Rúa da Torre – Concurso de choqueiros e choqueiras. ● 21.00 horas – Rúa da Torre – Actuación de Broken Peach.
● 22.00 horas – Circo de Artesáns – Proxección do documental ‘Entroido Cascarilleiro: dende Elviña a Monte Alto’, de Omar Rabuñal.
● 23.15 horas – Circo de Artesáns – Velorio da Sardiña
Mércores 5
● 19.00 horas – Circo de Artesáns – Interpretación do Apropósito de 2025: ‘Una broma pesada’.
● 20.30 horas – Circo de Artesáns – Desfile do enterro da Sardiña ata a praia de San Amaro e Desentronización do Deus Momo.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.