Monday 10 de March de 2025

O musical ‘Chicago’ chega ao Teatro Colón coa  mesma produción que encheu as salas en Nova York 


As últimas entradas para as sete funcións programadas entre o 6 e o 9 de  marzo continúan á venda 

O musical ‘Chicago’ collerá o relevo de ‘Priscilla. A raíña do  deserto’ no Teatro Colón os días 6, 7, 8 e 9 de marzo cun total de sete funcións para as que  aínda quedan entradas á venda. As persoas interesadas en asistir poderán mercar as súas  localidades a través do portal de venda en liña Ataquilla e no despacho de billetes da praza  de Ourense. En caso de que queden asentos sen vender, habilitarase tamén a billeteira do  propio teatro o día da función.  

“Desde o Goberno de Inés Rey estamos a facer unha importante aposta polos grandes  espectáculos na cidade, que permiten aos coruñeses e coruñesas gozar de producións únicas  a nivel galego”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. ‘Chicago’  representarase do 6 ao 9 de marzo no Teatro Colón para celebrar os 27 anos da súa estrea  en Broadway. O musical, que conta unha historia de avaricia, asasinatos e do mundo do  espectáculo, acumula máis de 34 millóns de espectadores e 60 premios internacionais. 

O musical contará coa mesma produción que o que se representa en Nova York, cun gran  éxito desde hai décadas. As entradas están á venda a prezos entre 37 e 59 euros. Os pases  serán ás 20.30 horas o xoves, ás 17.00 e 21.00 horas o venres e sábado e ás 17.00 e 20.30  horas o domingo. 

‘Carmina Burana’, en maio 

Por último, tras ‘Priscilla. A raíña do deserto’ e ‘Chicago’, ‘Carmina Burana’, de La Fura dels  Baus, celebrarase do 9 ao 11 de maio no Palacio da Ópera. Trátase dun espectáculo  sensorial, musical e teatral, que xa viron máis de 410.000 espectadores en Europa, Asia e  América. Este musical é obra de Carlus Padrissa, fundador de La Fura dels Baus.  Celebraranse un total de catro funcións.

Deja un comentario