Monday 10 de March de 2025

Neda promove nos coles “Rompendo moldes” para acabar cos estereotipos de xénero no ámbito laboral


Catro veciñas do municipio compartirán coa rapazada este xoves as súas experiencias profesionais

O Concello de Neda activa por segundo ano, no marco da programación especial do 8M, o ciclo de charlas escolares “Rompendo moldes”. Trátase dunha iniciativa coa que busca contribuír a acabar cos estereotipos de xénero no ámbito do traballo, coas aportacións de distintas profesionais nedenses. Veciñas que, nalgúns caso, traballan en ámbitos que aínda están claramente masculinizados. A mensaxe fundamental e tan básica como que non hai traballos só de homes nin só de mulleres.

A proposta, que se desenvolverá ao longo deste xoves, contará coa primeira enxeñeira naval de construción de buques de guerra de Navantia; cunha taxista; cunha soldado de Infantería de Marina e unha técnica de laboratorio na especialidade de mecánica da UDC. Todas elas insistirán na importancia de non deixarse “encasillar” polas expectativas de xénero.

As catro profesionais, que colaboran de forma desinteresada co Concello, protagonizarán os encontros co alumnado de quinto e sexto de primaria do CEIP San Isidro e do CEIP Maciñeira. Nestas sesións falarase da necesidade de rachar con modelos obsoletos, que aínda pesan como lousas nos camiños formativos e académicos que acaba seguindo a rapazada.
“Rompendo moldes” abrirá este ano a programación especial deseñada polo Concello de Neda con motivo do 8M. Propostas dirixidas a avanzar cara a unha igualdade real, que contan coa colaboración do Pacto de Estado Contra a Violencia de Xénero.

Deja un comentario