
MDLRTC Vortex ofrecerá unha actuación de Fatfish con proxeccións visuais ao vivo de Javier Díaz
O vindeiro sábado 8 de marzo (21.00 horas) o Planetario da Casa das Ciencias volverá a acoller unha sesión inmersiva de música electrónica da man de MDLRTC Vortex. Esta iniciativa conta coa colaboración do Concello da Coruña, que promove eventos singulares en diferentes recintos municipais da cidade.
“Desde o Goberno de Inés Rey buscamos impulsar iniciativas culturais da man de persoas e entidades que busquen diferenciar á nosa cidade con eventos únicos como este”, indicou Gonzalo Castro, concelleiro de Cultura e Turismo. MDLRTC Vortex é un dos eventos paralelos do festival Modulartec, de música electrónica.
O protagonista desta sesión será o coleccionista de vinilos e selector, con máis de 30 anos na escena como dj e promotor, Fastfish. Foi responsable de Discorder, recoñecida tenda de Madrid de música electrónica e de vangarda, destaca por ser habitual de clubs nacionais e internacionais, así como en festivais de prestixio. Estará acompañado por Javier Díaz, a cargo dos efectos visuais ao vivo. Trátase dun artista madrileño multidisciplinar residente na Coruña. Acumula case 20 anos dedicados á contorna audiovisual traballando para marcas de publicidade e innumerables vídeos musicais desde o seu selo e colectivo Ziontifik, onde traballou con artistas como Dano, Elio Toffana, C. Tangana, Rels B, Nathy Peluso, Dellafuente ou Natos & Waor.
Este evento busca ser unha homenaxe ás sesións experimentais que naceron en 1959 no Morrison Planetarium de San Francisco e seguindo coa liña das sesións Vortex que se iniciaron no 2018 no Planetario da Casa das Ciencias esta vez, potenciadas polos novos proxectores dixitais que permiten a creación de visuais en tempo real. As entradas para este evento poranse á venda este luns, 3 de marzo ás 12.00 horas a través da seguinte ligazón a un prezo de 10 euros.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.