
O Concello destina 340.000 euros á intervención, que inclúe a construción dunha área de xogos para as crianzas e unha pista multideporte
Xa están en marcha as obras de construción da nova zona de ocio infantil da Silva, unha actuación coa que o Concello busca dar resposta a unha das principais solicitudes das persoas residentes no núcleo, coa creación dun espazo de xogos para as crianzas e tamén unha nova pista multideporte.
Os traballos, que se están a executar na superficie traseira do centro social da Silva, viviron estes días os seus primeiros compases, coa maquinaria xa sobre o terreo, executando tarefas de picado no pavimento. Neste sentido, a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, lembrou que se actuará sobre case 800 metros cadrados da parcela “nun espazo que carecía de uso algún e, agora, acollerá novos equipamento públicos para o uso e disfrute das veciñas e veciños”.
Como xa informou a concelleira cando as obras saíron a concurso, a nova área infantil está concibida para dar servizo a nenas e nenos en idade de 3 a 6 anos, con xogos adaptados ás crianzas con mobilidade reducida, unha liña de traballo na que o Goberno de Inés Rey vén incidindo nos últimos anos, apostando por políticas máis inclusivas na paisaxe urbana.
Díaz tamén precisou que, no caso da pista multideporte, a instalación estará habilitada para a práctica deportiva de disciplinas como o fútbol sala e baloncesto. O recinto contará, ademais, cun valado perimetral e unha rede de protección coa que se evitará a saída de balóns fora da pista.
Máis arboredo para aproveitar a superficie existente
A intervención sobre a soleira de formigón da parcela do centro social da Silva tamén permitirá acondicionar a superficie existente para crear un novo percorrido accesible nun dos laterais do centro social, facilitando así a accesibilidade das persoas con mobilidade reducida á parte traseira do edificio, onde estarán os espazos de xogo e a pista multideporte.
Ademais, o plan de obra tamén aparella unha serie de melloras orientadas á creación de zonas verdes no soar. No seu sector sur darase forma a unha nova xardineira con arbustos, e tamén está previsto plantar cinco pradairos que farán de barreira vexetal entre o edificio do centro social e a futura área de xogos infantís. As áreas verdes contarán con sistema de rego.
Tamén se instalarán novos bancos para o lecer da veciñanza, papeleiras e unha fonte adaptada —accesible para as persoas usuarias de cadeira de rodas—.
Oito meses de traballos
A creación da nova área infantil da Silva foi un dos compromisos asumidos polo Goberno de Inés Rey neste novo mandato. A súa construción supón un investimento de 345.000 euros.
O prazo de execución é de aproximadamente oito meses, sempre e cando as condicións meteorolóxicas faciliten o desenvolvemento dos traballos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.