Monday 10 de March de 2025

 “Xente de aquí e de acola”, “As Xoaniñas de Chao” e “Os Colludos” triunfan no festival de comparsas de Neda


Neda comezou ao grande este venres a súa programación especial de Entroido. O tempo acompañou, e o tradicional desfile de comparsas encheu de animación as rúas da vila, como prólogo dun festival cheo de cor e de humor, no que non faltou a crítica política e social. Dez comparsas e un grupo -preto de 340 persoas- fixeron desfrutar á veciñanza que se achegou ata o pavillón municipal Ale de Paz, e que se entregou despois ao baile co Dúo Estrellas.

O fallo do xurado, integrado por tres integrantes da corporación municipal- a concelleira do goberno local, Margarita Díaz; a voceira do BNG, Cristina Bouza, e o voceiro do PP Eladio Romero-, fíxose esperar ata preto da unha da madrugada.

O diploma pola súa animación na rúa recaeu en “Xente de aquí e de acolá” (Pontedeume). “As Xoaniñas de Chao” (Narón) fixéronse co recoñecemento pola orixinalidade e vestimenta. Finalmente, a distinción na categoría de crítica da realidade local e comarcal foi parar á comparsa ferrolá “Os Colludos”, integrada por membros da Asociación ASCM.

Durante a velada tamén houbo máis premios-cestas con produtos típicos destas datas- para os mellores disfraces nas categorías individual, parella e grupo.

As próximas citas do entroido en Neda chegarán este martes coa festa infantil, ás 17 horas no pavillón, á que seguirá, ás 19.30 horas, o habitual pasarrúas ata o campo dos Subarreiros, lugar onde se procederá á queima do meco, obra do artista local Carlos García, que onte se puido ver no festival de comparsas.