Monday 10 de March de 2025

Os “cachivaches” da festa ganan o concurso de comparsas de San Sadurniño


O Entroido de San Sadurniño arrancou este venres cun serán de festa intensa e un ambiente cheo de imaxinación e bo humor baixo a carpa instalada polo Concello na Praza Ramón Díaz Raña. Máis dun cento de persoas disfrazadas -e moitas outras que viñeron gozar do espectáculo- deron vida a unha noite chea de cor e fantasía que, ademais, deparaba premios para as mellores máscaras nas categorías infantil, individual, parellas, grupos e comparsas. A creatividade non tivo límites: desde icónicos personaxes do cine e da televisión ata homenaxes á natureza e os entroidos tradicionais, reivindicacións ambientais, referencias á cultura pop e, incluso, unha recreación das atraccións das festas argallada polas familias da AC Brío, que se alzou co primeiro premio en comparsas.

A troula arrincou pasadas as seis da tarde ao son do grupo tradicional Silbarda e coas presentacións do actor Kevin Lorenzo, encargado de animar o desfile de máscaras organizado á tardiña para a cativería.

Nas preferencias infantís e das mamás e papás que lles axudaron a confeccionar os traxes viuse de todo un pouco: un toureiro, un futbolista, unha pequena policía, un caribeño con maracas, unha Cruella Devil, unha cociñeira, unha representación do “pop-art”, un cazador, un Supermán diminuto que que fartou a chorar, dous Trikis -os monstros das galletas de Barrio Sésamo-, dous rockeiros e, entre outros, unha parella formada pola Raíña de Corazóns e o Sombreireiro tolo -personaxes de Alicia no país das marabillas- que levaron o premio á mellor parella infantil. Canda eles tamén recibiron agasallo -vales para a libraría Brétema en ambos casos- os “xeadiños” Álex e Carmen.

No apartado individual os máis destacados foron un logrado Bob Esponxa ao que non lle faltaba detalle -nin sequera os calcetíns brancos con bandas e os zapatos negros brillantes- e un efectista astronauta que xogaba cunha trampa visual para facernos crer con grande realismo a ingravidez do Espazo exterior.

O xurado tívoo doado para entregar o premio familiar -só se presentou un grupo- que foi parar ás Bonecas de Vudú e o Bruxo Piruxo.

Trala entrega dos premios, Silbarda ofreceu o seu segundo pase da tarde e houbo un pequeno descanso até as 21:00h, momento no que o DJ Sebas RDGZ subiu ao escenario para animar a festa nocturna, dirixida principalmente -aínda que non exclusivamente- ao público adulto.

No concurso de máscaras había tamén categoría individual. É máis, había categoría individual xuvenil e de persoas adultas. A primeira quedou deserta e na segunda o premio foi para un Antonio Recio -personaxe da serie “La que se avecina”- que confesou ter improvisado o traxe esa mesma mañá. O outro premio deste apartado foi para a Katrina Viúva Heavy, que quixo deixar ben claro que todo o traxe -maquillaxe, roupa, estampados, etc- o fixera ela mesma na casa.

Da sección individual pasouse ao desfile de grupos, no que participaron dúas mozas vestidas de flamencas na Feira de Abril, un simpático vello alindando unha vaca empeñada en non facerlle moito caso, un rabaño de ovellas (con carneiro) vixiadas polos pastores… e tamén polos lobos e, por último, un grupo denominado “Os Carochas” que viña totalmente cuberto de follas de maínzo e abelorios feitos con carozos e grans. Traxes ben traballosos que “non levou media hora facelos”, tal e como ironizaba un dos seus membros, cos que trouxeron ata San Sadurniño personaxes típicos (e pouco coñecidos) do Entroido máis oriental de Galicia. Este grupo e o das ovellas foron os premiados.

E xa para poñerlle o ramo á noite entroideira en San Sadurniño chegou o momento das comparsas. Había dúas en liza por un único premio: un vale para gastar nun restaurante local, igual que os outros premios adultos, só que neste caso por importe de 280€.

A primeira en subir ao escenario foi a da veciñanza de Naraío, que este ano do 40 aniversario da televisión pública Galega recreou o ambiente do programa Luar. Estaban todos: un Gayoso escala 1:1 acompañado de Esther Estévez, as Azúcar Moreno, un King África -tamén a escala 1:1-, o rexedor -con camiseta de #defendeagalega-, Ortiga e Pili Pampín, os Chunguitos, Os Tonechos, Nucha e Mucha (logradísimas), a Señora de Palmírez, María Jesús e o seu acordeón (ademais dun paxariño ao seu carón), un cámara e o seu sonidista… por ter ata tiñan público sentado, entre o que se encontraba Rosa de Vilagarcía, protagonista xunto con Bobby Farrell -que tamén estaba- dun dos momentos históricos e máis virais da TVG que a comparsa reproduciu entre as risas a cachón da concorrencia.

Tralo paso do Luar polo escenario, a carpa converteuse nunha festa… ou máis ben nun pequeno parque de atraccións onde só había dúas atraccións: un carrusel con cabaliños e nenos e unha pista de coches de choque, taquilla incluída. As familias da AC Brío traballaron durante semanas para reproducir todos os detalles. Un esforzo que, unido á posta en escena, foi recompensado polo xurado co premio á mellor comparsa.

Trala entrega dos galardóns entroideiros, a festa aínda proseguiu un pedazo máis animada por Sebas RDGZ. E, de feito, aínda continuará nos próximos días, con entroido o sábado 8 en Naraío e dous xantares a base de cocido, un en Lamas o día 15 e outro en Bardaos o 22.

Deja un comentario