
— A Xunta acaba de publicar a concesión de 215.000 euros en axudas para garantir a estabilidade dunha programación profesional por parte deste tipo de locais
— O tamén vigués Teatro Ensalle repite igualmente nesta listaxe xunto ao Teatro del Andamio e á Sala Gurugú da Coruña
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, visitou as instalacións da Sala Ártika en Vigo para coñecer da man do seu equipo o seu traballo cotiá de exhibición, formación e produción vinculado ás artes escénicas. Acompañado pola delegada territorial da Xunta, Ana Ortiz, e polo director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, o titular de Cultura do Goberno galego felicitounos pola súa traxectoria e destacou especialmente o papel deste tipo de espazos a prol da promoción do talento emerxente e da creación de públicos para as producións feitas na nosa Comunidade.
A Xunta de Galicia apoia economicamente este labor a través dunha convocatoria anual específica para salas de artes escénicas de xestión privada e capacidade máxima de 150 localidades, que en 2025 incrementou a súa dotación ata os 215.000 euros –un 7,5 por cento máis que en 2024– co obxectivo garantir a estabilidade dunha programación de carácter profesional por parte deste tipo de locais.
O espazo da Avenida de Beiramar é un dos catro subvencionados xunto ao tamén vigués Teatro Ensalle e os coruñeses Teatro del Andamio e Sala Gurugú. Os catro obteñen por sexto ano consecutivo estas axudas, en virtude das que integran a Rede Galega de Salas, un dos circuítos de artes escénicas promovidos pola Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude.
Axuda máxima de 75.000 euros
Tanto Ártika como Ensalle reciben a axuda máxima de 75.000 euros establecida nas bases, mentres que Teatro del Andamio acada 38.439 euros e a Sala Gurugú, 26.560 euros. Estas contías destinaranse a gastos vinculados á contratación de espectáculos, servizos técnicos e auxiliares asociados, dereitos de autor, contratación de persoal, comunicación e publicidade, ademais de ata o 20% dos custos indirectos como alugueiros, subministracións ou gastos correntes.
Para a concesión destas subvencións, a comisión avaliadora tivo en conta a antigüidade da empresa, a capacidade do local e a súa pertenza á Rede Galega de Salas en 2024. O proxecto de programación, con aspectos como o número de funcións ou a contratación de compañías galegas, foron outras das cuestións valoradas, así como os plans de financiamento, de comunicación ou de creación de públicos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.