
Un proxecto didáctico e participativo que leva a música en directo ás escolas
O Concello da Coruña impulsa unha nova edición de Vai a Banda, un proxecto didáctico e participativo en colaboración coa Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC) e dirixido a estudantado de toda Galicia. A iniciativa, que chega á súa segunda edición, duplica a participación do ano pasado e reúne a máis de 5.000 escolares de 50 centros educativos.
Consolidado como unha das accións educativas e culturais máis relevantes do curso, Vai a Banda reafirma o compromiso do Goberno de Inés Rey coa educación musical e co achegamento da cultura ás novas xeracións.
Un programa adaptado a todas as idades
O proxecto desenvolverase os días 1, 2, 3, 4, 22, 23 e 25 de abril no Centro Ágora da Coruña, onde se realizarán todos os concertos. Durante estas datas, organizaranse 14 pases musicais, nos que en cada sesión participarán tres centros educativos distintos.
Un dos puntos clave de Vai a Banda é a súa capacidade de adaptarse ás diferentes etapas educativas, xa que permite que alumnado desde educación infantil ata o terceiro ciclo de educación primaria poida formar parte do proxecto. As propostas musicais están deseñadas para se adecuaren ás competencias e destrezas do estudantado e aseguran unha experiencia enriquecedora para todos.
Desde setembro, os centros escolares traballan co material didáctico elaborado pola Banda Municipal de Música da Coruña, que inclúe partituras e audios adaptados a cada nivel. Este material permítelles preparar as súas actuacións para abril, onde non só asistirán aos concertos, senón que tamén subirán ao escenario para tocar xunto á BMMC e experimentarán en primeira persoa o valor da interpretación en directo.
Un repertorio variado e atractivo
O programa musical desta edición inclúe unha selección de obras que mesturan tradición e actualidade e que garanten unha experiencia divertida e educativa para o alumnado:
- • “Children’s March” – Percy Grainger
- • “Un día no circo” – James Curnow
- • “El caracol Mi-Fa-Sol” – Ferrer Ferrán
- • “Libertad” – Nil Moliner
- • “Lisístrata (Varre vasoira)” – As Fillas de Cassandra
O evento está estruturado para favorecer tanto a participación activa no escenario como a implicación coral desde as butacas e fomentará a interacción e o desfrute de todas e todos os asistentes.
Un proxecto que reforza a aposta pola educación musical
O Concello da Coruña, a través da súa Concellería de Educación, segue apostando por iniciativas que fomenten o acceso á cultura e á educación artística desde idades temperás. Vai a Banda é un exemplo de colaboración entre administración e profesionais da música, que permitirá que milleiros de escolares descubran o poder da música en comunidade e reforcen a súa aprendizaxe a través da práctica.
Máis información: https://www.coruna.gal/