
A empresa pública municipal de auga de Oleiros Aquaoleiros sacou a licitación os servizos complementarios necesarios para as reparacións da rede de abastecemento. Trátase principalmente das reposicións de pavimento que hai que realizar tralos arranxos da roturas das tubaxes, para o que non se dispón de medios propios.
Non é algo exclusivo de Aquaoleiros xa que ningunha outra empresa de augas dispón deses medios dado que resulta máis eficiente e rendible contratar eses servizos. O obxectivo non é outro que seguir mellorando a calidade e axilidade do servizo.
Con esta contratación, ao actual persoal de Aquaoleiros formado por 1 xefe de servizo, 4 fontaneiros e 2 operarios de obra, sumarase toda a maquinaria necesaria para os reasfaltados e repavimentados, dotada dun mínimo de 2 oficiais e 2 peóns para actuar tamén as 24 horas.
Aquaoleiros non ten ningunha débeda neste momento. Os fondos pendentes de pago a Emalcsa están consignados. O Goberno municipal leva meses reclamando que Emalcsa, a empresa do Concello da Coruña que subministra a auga a Oleiros, facture directamente a Aquaoleiros e non ao Concello. De non ser así prodúcese un incremento de 100.000 euros anuais polas diferencias no IVE. Recentemente o alcalde acordou co Goberno da Coruña que modificasen a ordenanza fiscal correspondente para garantir que sexa Aquaoleiros quen pague.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.