
O pleno municipal aprobou onte a derogación da ordenanza fiscal reguladora que impoñía unha cota á veciñanza por executar trámites
Sergio Platas: “Con esta medida achegámonos á igualdade, xa que moita xente maior non ten as competencias dixitais para solicitar a documentación de xeito gratuíto a través da Sede Electrónica e tiña que pagar por tramitacións presenciais”
O Concello de Paderne derogou a ordenanza fiscal nº4 reguladora da taxa por expedición de documentos administrativos. Fíxoo a través dunha proposta levada a pleno polo goberno local e que contou cos votos a favor de PSOE, PP e BNG e o voto en contra do concelleiro non adscrito, Salvador García.
Ata o de agora, a veciñanza de Paderne debía pagar taxas á hora de solicitar expedientes ou documentos no Concello. As cotas eran variables segundo a natureza da documentación e correspondían á tramitación, en cada instancia, do documento ou expediente do que se tratase desde a súa iniciación ata a súa resolución final.
Así, os veciños e veciñas tiñan que abonar 1,80 euros por altas, baixas e alteracións no Padrón de habitantes, certificacións de empadroamento no censo ou certificacións de residencia ou convivencia. Mentres, o compulsado de documentación de 10 páxinas estaba gravado con un prezo de entre 1 e 1,80 euros. Así mesmo, cada copia de CD con datos custaba 6 euros, o mesmo prezo que calquera documento non especificamente tarifado. Por último, cada folla de documentación expedida en fotocopia, 10 céntimos.
Ante esta circunstancia, o goberno dirixido por Sergio Platas solicitou ao servizo de Secretaría-Intervención do Concello un informe sobre o impacto da derogación da ordenanza, que concluíu que a perda da recadación nesta partida non tería “impacto significativo” na financiación orzamentaria, xa que supón unha baixa porcentaxe no total dos ingresos correntes. De xeito concreto, nos últimos dous anos, a recadación obtida a través destas taxas apenas superou os 2.100 euros en total.
“Esta medida vén a fomentar a axilidade e comodidade da veciñanza á hora de solicitar documentación no Concello de Paderne, xa que máis aló do pequeno aforro para os petos das familias evita alongar os procedementos co pago de taxas”, explica o alcalde, Sergio Platas, para quen a derogación ten un efecto “igualitario” aínda máis importante: “As tramitacións a través da sede electrónica son gratuítas. Sen embargo, se acudías as oficinas municipais de xeito presencial, tiñas que pagar. Esa circunstancia xeraba unha desigualdade enorme e ía en contra de moita xente maior de Paderne que carece das competencias dixitais para obter documentación a través de internet”.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.