Monday 10 de March de 2025

Arrancan as Festas do Entroido este sábado co desfile do Meco e o pregón das xeneralas da Ulla, Lucía Domínguez e Alba Dosantos


Un Meco inspirado na omnipresenza das redes sociais, acompañado polos Conformistas de Conxo, A Ruliña de Laraño Os Armatroulas de Laraño e a charanga Os Chafalleiros, dará este sábado a benvida ao Entroido compostelán, nun desfile que partirá da praza de Cervantes ás 20 horas ata quedar instalado no Pazo de Bendaña da praza do Toural, dende onde terá lugar o pregón de inicio das festas a cargo das xeneralas da Ulla, Lucía Domínguez e Alba Dosantos.

Previamente ao desfile do Meco, a A. F. Colexiata do Sar abrirá boca con música e baile, percorrendo as rúas de Compostela entre as 18.30 e as 20.00 horas.

Xa ás 20 horas arrancará desde a praza de Cervantes o desfile do Meco, obra do artista José Manuel Méndez, que nesta ocasión está inspirado na presenza das redes sociais na sociedade, facendo alusión a Trump e a Elon Musk.

Unha vez instalado o Meco no Pazo de Bendaña da praza do Toural, será a quenda das pregoeiras, as xeneralas da Ulla Lucía e Alba, que inaugurarán as Festas facendo mofa e sátira dos asuntos de carácter local sucedidos durante o ano. Coa súa elección o Concello pretende visibilizar todo o traballo que hai detrás do Entroido, tanto na cidade coma nas parroquias, e homenaxear a todas esas persoas que durante anos loitaron por non perder a tradición dun entroido rural que data do séc. XIX e que foi declarado no ano 2013 Festa de Interese Turística.

Festival infantil de disfraces e animación nas rúas

O domingo 11 haberá animación de rúa dende as 10.30 horas coa comparsa Os Conformistas de Conxo e coa Batucada a cargo do Bloco da escola de Latexo a partir das 13 horas. Pola tarde tomará o relevo a comparsa A Ruliña de Laraño acompañada pola charanga Tíralle do Aire.

A cita central da xornada será o Festival Infantil de Disfraces que, como é habitual, se celebrará na Sala Capitol e contará coa presenza da alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e boa parte da Corporación municipal. Neste certame de entrada libre poderá participar calquera neno ou nena menor de 14 anos, previa inscrición entre as 16.30 h e as 17.45 h. Haberá baile, sorteo de agasallos e concurso de disfraces en tres categorías: individual, parella ou grupo. Os premios son doados por El Corte Inglés.

O luns 3 animarán as rúas compostelás os percorridos festivos dos Chafalleiros e dos Armatroulas de Laraño, e da charanga El Tattoo coa comparsa de Maruxas e Coralias.

Martes de Entroido

O día grande do Entroido, o martes 4 de marzo, traerá o agardado desfile de Entroido, que partirá da avenida de Ferrol ás 17.30 horas. Ao remate do percorrido, os participantes concentraranse na Sala Capitol, onde a partir das 20 horas terá lugar a actuación da charanfa Ardores, e, posteriormente, a entrega dos premios do desfile. A concelleira anunciou que, como xa se fixo o ano pasado, “todos e todas as compostelás que participen e non resulten premiados van ir a un sorteo polo que percibirán unha gratificación simbólica pola súa participación”.

Xa ao día seguinte, o mércores 5, Santiago despedirá o Entroido coa tradicional “comitiva fúnebre que levará o Meco dende a praza do Toural até a praza Roxa coa participación das comparsas que o levaron o propio sábado: os Conformistas, a Ruliña, os Armatroulas e a Charanga“BB+” para a súa incineración ás 21 horas. Todas as persoas que o desexen que deberán vestir rigoroso loito para a ocasión.

A programación complétase co Entroido tradicional dos Xenerais da Ulla que o sábado 15 protagonizará o desfile das Xeneraliñas da Semente e co Entroido de Conxo que ofrecerá unha amplo programa de actividade ao longo de toda a xornada. O xoves 6, tamén haberá no Espazo Apego un obradoiro de chapeus de Xeneraliñas da Ulla e de atranque.

Deja un comentario