
A alcaldesa, Inés Rey: “Detrás de cada comparsa hai moito traballo para manter vivo o espírito do Antroido na Coruña”
A alcaldesa, Inés Rey, presidiu esta mañá o acto de homenaxe á comparsa Os Maracos no Andar do Antroido, que incorpora desde hoxe unha nova lousa co nome da agrupación. A rexedora estivo acompañada polo presidente da comparsa, Romualdo Irijoa.
“Desde o Concello somos conscientes do traballo que hai detras de cada comparsa e do importante que foron, son e serán para manter vivo este espírito antroidesco coruñés que tanto nos caracteriza”, sinalou Inés Rey. O Andar do Antroido é unha iniciativa do Goberno municipal xunto coas comparsas para crear un “paseo da fama do Antroido coruñés”, con lousas que lembren figuras representativas desta festividade. Ademais, e como novidade, este ano o recoñecemento recae nunha comparsa, co obxectivo de reivindicar tamén o labor conxunto destas agrupacións.
Por decisión do conxunto das comparsas, o recoñecemento deste ano será para Os Maracos, por ser a entidade máis antiga, fundada en 1983. “Este Andar do Antroido naceu da man das comparsas, que traballan todo o ano para encher de risas e diversión a cidade durante unhas semanas. Por iso, este ano quixemos darlle unha volta máis a esta iniciativa que impulsamos no ano 2022”, dixo Inés Rey.
A alcaldesa e Romualdo Irijoa descubriron a lousa de pedra que acompañará desde este 2025 ás de Fernando Amaro ‘Cantero’ e o propio Romualdo Irijoa. Rey convidou á cidadanía a asistir aos diferentes actos programados polo Antroido, que continuarán este venres coa ofrenda floral a Nito e a entronización do Deus Momo, actos nos que tamén participará a rexedora.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.