
Santiago Freire destaca “a importancia de manter un contacto estreito e continuo que nos permita coñecer as súas propostas e inquedanzas para seguir avanzando xuntos na promoción do Camiño da Ría Muros Noia”
O presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia, Santiago Freire Abeijón, está a celebrar reunións con representantes de asociacións, entidades e colectivos implicados na promoción e desenvolvemento desta ruta xacobea. O primeiro deles tivo lugar a principios desta semana no salón de plenos da casa consistorial noiesa a petición dos colectivos presentes, interesados en coñecer de primeira man os obxectivos da nova xunta directiva da Asociación.
Santiago Freire agradeceu a iniciativa das entidades presentes e puxo en valor “a importancia de manter un contacto estreito e continuo que nos permita coñecer as súas propostas e inquedanzas para así poder seguir avanzando xuntos na promoción do Camiño da Ría Muros Noia”. Por iso, anunciou que se manterán máis reunións deste tipo e animou tamén a abrilas a máis colectivos.
Durante esta xuntanza, Freire Abeijón informou aos presentes sobre os avances realizados en materia de sinalización e balizamento do Camiño nos nove municipios polos que discorre o Camiño, así como sobre os traballos de restauración ambiental e paisaxística acometidos en distintos tramos da ruta nos cinco concellos da Ría da Estrela. Neste sentido, lembrou que un dos obxectivos da nova xunta directiva é conseguir dar un novo impulso ao Camiño de Santiago da Ría de Muros Noia para conseguir a tan agardada e merecida oficialización como ruta xacobea por parte da Xunta de Galicia.
Ademais, Santiago Freire tamén destacou as iniciativas postas en marcha baixo a súa Presidencia da Asociación, en colaboración coa Ría da Estrela e outras entidades, algunhas presentes no salón de plenos noiés. Neste sentido, fixo fincapé no salto cualitativo realizado o pasado mes de xaneiro en FITUR, “onde presentamos oficialmente, con concellos da Costa da Morte, a Volta de Gloria, o primeiro itinerario cultural e turístico que conecta dous camiños xacobeos e que estará operativo nesta primavera; e onde innovamos co lanzamento dun novo concepto de ruta xacobea, o Camiño Marítimo a través da Ría de Muros Noia, que estou convencido de que vai ser un gran éxito. Por unha banda, recuperamos a tradición da Ría de Muros Noia como o Portus Apostoli. Por outra, contamos co primeiro catálogo de peregrinacións marítimas a través da Ría da Estrela, que seguro que atraerá a un grande número de peregrinos, pois será unha experiencia absolutamente única e atractiva”.
Asistentes á reunión
A reunión, celebrada o pasado martes 25 de febreiro en Noia, foi solicitada polas asociacións, entidades e colectivos implicados na promoción e desenvolvemento do Camiño da Ría Muros Noia. Entre os asistentes a este primeiro encontro co presidente da Asociación de Concellos do Camiño da Ría Muros Noia figuraban:
– Montse París, coordinadora da asociación Muros, vila de auga e sal.
– Manuela Oviedo, xerente do GALP Costa Sostible.
– Sindo Gandarela, presidente de Galicia Senderismo.
– Ovidio Queiruga, presidente da Comunidade de Montes de Baroña
– Belén Arróniz, xerente da asociación Noia Histórica
– José Antonio de la Riera, escritor, investigador e membro fundador da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago, a Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago e da Asociación Vía Mariana.
– Agustín Dosil, investigador e integrante da Academia Xacobea
– Matilde Dios, de Hostalaría Ría da Estrela
– Antonio Rodríguez, director de Tremuzo, Historia e Patrimonio
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.