Monday 10 de March de 2025

Alba S. Novo, Ruth Fuentefría, Paula Nogueira e María Costa protagonizan este ano “As mulleres teñen a palabra”


O Concello de Carballo organiza, como todos os anos, actividades de sensibilización en igualdade destinadas aos diferentes sectores da poboación

As mulleres teñen a palabra este 8 de marzo. Por terceiro ano consecutivo, as concellarías de Innovación e Igualdade suman esforzos para que os actos conmemorativos do Día da Muller inclúan unha celebración na que terán cabida todos os membros da familia, porque mentres os adultos (tanto mulleres coma homes) participan na interesantísima mesa redonda que temos preparada ou na sobremesa musical, a rapazada estará moi ben atendida polos monitores da área infantil que poremos ao seu servizo, con xogos, talleres, música e moita diversión.

O obxectivo desta xornada pioneira é amosarnos que na nosa contorna máis inmediata hai mulleres que son referentes nas súas profesións, e que, malia as dificultades, é posible traballar e trunfar en sectores masculinizados e, ademais, conciliar as vidas laboral e persoal.

Coñeceremos as experiencias e as opinións de catro carballesas con perfís moi diferentes pero que teñen en común, á parte das súas raíces, que todas teñen profesións ou ocupan postos desempeñados maioritariamente por homes:

• Alba S. Novo foi a única muller da súa aula durante os ciclos superiores de Mecanizado e Soldadura. Traballou sempre no sector siderometalúrxico/naval, ata que no 2015 se incorporou como profesora da rama de Mecanizado ao IES Monte Neme, onde continúa dando clase.
• Ruth Fuentefría Sánchez é a benxamina de As mulleres teñen a palabra. Ten só vinte anos pero un currículum deportivo que impresiona, non só polos títulos acadados, que son moitos, senón pola modalidade que practica: halterofilia.
• Paula Nogueira Costa está vinculada desde o ano 2000 a Finsa, empresa do sector da madeira de referencia en medio mundo. Cunha extensa formación vinculada á economía, a empresa e a sustentabilidade, desde o ano 2024 é directora económica de Finsa.
• María Costa Pereira defínese como “artesá do ritmo na escena underground galega”. É percusionista en bandas como Franc3s ou Elvis Negro e ten actuado en festivais de todo o Estado.
A xornada comezará ás 19.00 e celebrarase na Escola de Hostalaría do Fórum Carballo. Debido a que a capacidade é limitada, as persoas interesadas en asistir deben inscribirse enviando os seus datos ao correo electrónico comunicacion@carballo.gal.
Despois da mesa redonda celebrarase unha sobremesa musical, na que se servirá un aperitivo preparado polo alumnado de Cociña do Fórum Carballo, e na que contaremos coa actuación do dúo formado por Marian Ledesma e Sofi Canedo (piano e voces), que interpretarán grandes éxitos de mulleres de todo o mundo.
Ademais, para facilitar a asistencia de toda a familia, dende as 19.00 ata as 22.00 horas funcionará un servizo de ludoteca onde a rapazada estará atendida por monitores e poderá participar en xogos cooperativos, deportivos e musicais, e talleres.
Na inscrición para participar na xornada deberá indicarse o número de persoas asistentes e, no caso dos/as nenos/as, as súas idades.
PROGRAMA 8M
O programa da Concellaría de Igualdade para o 8M inclúe, como todos os anos, propostas que tratan de sensibilizar a todos os os sectores da poboación.
• Ademais, de As mulleres teñen a palabra, para o público en xeral, tanto mulleres coma homes, hoxe ás 20.00 horas terá lugar nas Escolas do Xardín Agra de Caldas unha presentación-coloquio arredor do libro Ocho señales: cuestión de vida o muerte, na que participarán as súas autoras, Noelia Míguez e Patricia Calveiro, xunto coa condutora do club de lectura en galego, Belén Edreira. Acceso libre ata completar capacidade.
• Nos institutos de secundaria estanse a liberta a cabo charlas-obradoiro enfocadas a ver como a perspectiva de xénero inflúe no futuro laboral.
• Para o alumnado de primaria, en concreto este ano para os de primeiro curso, este ano contaremos con Raquel Queizás, que ofrecerá o día 6 ás 11.00 horas, no Pazo da Cultura, o espectáculo Cinema de historias da man de Alice Guy, a nai do cine.
• E para mulleres maiores de 15 anos, en colaboración coa Concellaría de Deportes, o día 15 realizarase un taller de autodefensa. Hai 50 prazas, que se cubrirán por orde de inscrición en carballoenrede@carballo.gal.

Deja un comentario