Monday 10 de March de 2025

A Aula CeMIT ofrecerá este ano formación presencial e online adaptada a todo tipo de usuarios


En marzo empezará un novo curso de impresión 3D e nas vacacións de Semana Santa teremos un campamento dixital para nenos/as de 9 a 13 anos

A Aula CeMIT ten as portas abertas a toda a veciñanza para que, teñas a idade e a ocupación que teñas, poidas mellorar as túas competencias dixitais. Para este ano temos preparada unha programación moi ampla, con actividades presenciais e online, para que ninguén teña escusas para non aproveitar este recurso municipal que tes moi preto, no Pazo da Cultura.

Queremos poñercho moi doado, e por iso ofrecémosche información personalizada sobre as diferentes opcións que podes atopar na Aula CeMIT. Se estás interesado/a e aínda non tes as competencias dixitais precisas para facer os trámites en liña non te preocupes: ponte en contacto co Fórum Carballo no 981 709 011 e darache cita para explicarche a oferta formativa e mesmo axudarche a tramitar a alta na aula.

Nestes momentos temos en marcha a escola de informática para maiores de 60, na que participan 40 persoas divididas en dúas quendas. Esta actividade arrincou no mes de outubro e prolongarase ata finais de maio. E mentres os/as maiores aprenden a desenvolverse na rede e a relacionarse de xeito electrónico con empresas e administracións, xa temos aberto o prazo para a próxima actividade: un novo curso de impresión 3D dirixido prioritariamente a persoas adultas e mozas a partir de 18 anos. Se estás interesado/a date de alta na Aula CeMIT e inscríbete directamente na web do proxecto, nesta ligazón: https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/49505. O curso desenvolverase os martes 11, 18 e 25 de marzo e 1 de abril en horario de 18.30 a 20.30.

Darte de alta na Aula CeMIT permitirache acceder, sempre de balde, a unha morea de cursos en liña: alfabetización dixital (formación básica, seguridade TIC, dispositivos móbiles…), capacitación dixital (Cloud computing, xogos de adestramento mental, comercio electrónico, mercadotecnia, vendas no muro, administración electrónica, factura electrónica, redes sociais, comercio electrónico, seguridade nas compras virtuais, montaxe de vídeo, edición de imaxes, deseño de carteis, Libre Office…) e innovación social. Todo con propostas adaptadas a pais e nais, alumnado, docentes, empresariado e autónomos/as…

Campamento dixital para Semana Santa

Ademais da formación en liña, este ano levaremos a cabo, en colaboración coa Fundación CiberVoluntarios, un amplo programa de actividades presenciais para usuarios/as desde nove ata 99 anos (ou máis). Unha das primeiras propostas será un campamento dixital para nenos e nenas de 9 a 13 anos que se desenvolverá nas vacacións de Semana Santa na Aula CeMIT. Serán tres xornadas, do luns 14 ao mércores 16 de abril, en horario de mañá intensivo, no que os/as participantes aprenderán a buscar información de valor en Internet, coñecer as ferramentas para crear contido dixital, crear contrasinais seguros e protexer os datos persoais, verificar a información que se comparte e detectar novas falsas, controlar o tempo fronte ás pantallas, cuidar a privacidade e as normas de comportamento nas redes sociais ou detectar e previr situacións de ciberacoso. Ao remate das 12 horas intensivas de formación, que se desenvolverán dun xeito moi lúdico, os nenos e nenas recibirán o certificado DigComp.

As prazas son limitadas. O prazo de inscrición está aberto ata o 14 de marzo, e as familias interesadas poden anotar aos nenos e nenas nesta ligazón: https://cemit.xunta.gal/gl/formacion/formacion-presencial/49566

Entre os meses de abril e maio tamén se desenvolverán accións específicas para docentes, empresarios/as e persoas con discapacidade.

Deja un comentario