
A primeira cita do 8M será a apertura, o luns 3 de marzo da exposición de acuarelas da pintora fenesa Saila Chao, quen mostrará até o día 28 parte da súa obra protagonizada por figuras femininas e, máis que nada, polas escenas que, segundo asegura, “buscan ser unha ponte entre o que vemos e a maxia oculta das emocións”. A colección pode visitarse no horario de apertura das dependencias municipais: de 8:30 a 14:30h de luns a venres.
Chao, que é unha artista multidisciplinar, tamén dirixirá o sábado 29 de marzo ás 11:00h no local social de Santa Mariña do Monte un obradoiro colectivo de escultura. Trátase dunha actividade gratuíta organizada en colaboración da ACRD de Santa Mariña do Monte na que as persoas participantes construirán con cartón prensado varias partes dunha mesma figura. Unha vez rematadas uniranse todas nunha escultura representativa da unión e a rede de coidados que supoñen as mulleres as unhas para as outras e para toda a veciñanza.
Para asistir ao obradoiro fai falla inscrición previa no 695 876 178 ou mandando un correo a oriana.lopez@sansadurnino.gal.
Lectura do manifesto e acción de pendurar mandís
A parte máis institucional desenvolverase na mañá do venres 7 de marzo -11:30h- diante da Casa do Concello coa lectura do manifesto do 8M, seguida da acción simbólica de colgar mandís no enreixado do Concello, co que representaremos o traballo no fogar e de coidados gratuíto que facemos as mulleres. Ademais tamén se pendurará roupa de traballo do persoal do SAF, do Centro de Día e do servizo de limpeza do Concello, así como os mandilóns que usan as mestras da EIM A Rolada.
Con este xesto, no que o Concello convida a participar a toda a veciñanza, preténdese visibilizar o sector dos coidados e da limpeza, que pola súa feminización adoitan estar moi pouco valorados malia a súa importancia. E é que, segundo reza a pancarta que presidirá o acto reivindicativo, “o traballo dos coidados sostén o mundo”.
Conversas con Sara Iglesias e Estefanía Cabarcos
Ao día seguinte, o sábado 8 de marzo, a fisioterapeuta Sara Iglesias falaranos sobre o solo pelviano nunha charla-obradoiro que se desenvolverá na Casa da Xuventude ás 11:30h. Iglesias comentaranos que é iso do solo pelviano, por que é importante que o coidemos e as posibles afeccións relacionadas, ademais de ofrecernos consellos para mellorar o seu estado. A sesión, que é gratuíta, rematará cuns exercicios básicos e moi sinxelos que todas e todos podemos facer na casa para exercitar esta parte do corpo, que incide, entre outras, no control da vexiga e na función sexual.
Na propia xornada do 8M, a iso das 16:00h, estrearase o cuarto episodio do videopodcast de entrevistas Falando sen cancelas, no que se tratan distintos aspectos relacionados coa Igualdade. A convidada nesta ocasión será Estefanía Cabarcos, matrona no Centro de Saúde de San Sadurniño que tamén ofrece clases de coidado perimenopáusico na Casa da Cultura os venres ás 11:30h. De feito, o guión da conversa gravada coa Axente de Igualdade, Oriana López, baseouse nas preguntas escritas polas mulleres que asisten á actividade.
Enfermeira especializada en xinecoloxía e obstetricia, Cabarcos falou sobre saúde mental, física e emocional en clave feminina, así como dos tabús que seguen existindo ao seu redor.
Isabel Risco tráenos as mulleres máis bravas da nosa historia
A actriz e monologuista Isabel Risco volverá por San Sadurniño o sábado 15 de marzo para traernos o seu espectáculo “Bravas”, no que ofrece unha visión moi particular da historia das mulleres galegas. Unha historia “sempre roubada, agochada e invisibilizada” protagonizada por mulleres afoutas que ela nos conta con doses iguais de paixón e de humor, meténdose para iso na pel dunha muller do rural galego que viaxa no tempo.
O show de Risco está posto para as 19:00h con entrada gratuíta, pero recoméndase reservar butaca no correo agustin.perez@sansadurnino.
A penúltima das actividades con motivo do 8M -a última é o obradoiro de escultura colectiva de Saila Chao en Santa Mariña- vai ser a pixamada de cine en Igualdade organizada para o sábado 21 de marzo ás 19:00h. O Concello e a Asociación Cultural Brío convidan á cativería a vir pasar á Casa da Cultura un serán de cine con manta, pixama e flocos de millo. Proxectarase “Ainbo: la guerrera del Amazonas”, que é un filme de animación con mensaxe ambiental e de empoderamento feminino. Ao seu remate haberá un pequeno cineforo conducido pola Axente de Igualdade para comentar a película coas nenas e nenos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.