
● Este recoñecemento enmárcase dentro dos actos organizados polo 8 de marzo e está recollido no IV PIOM municipal.
● A proposta levarase a un pleno extraordinario que se celebrará o 15 de marzo ás 12 horas.
O Concello de Camariñas convoca un pleno extraordinario o vindeiro 15 de marzo ás 12 horas co obxectivo de aprobar o nomeamento dunha rúa en homenaxe a Silvia Lijó López. Esta iniciativa enmárcase dentro dos actos do 8M, Día Internacional da Muller, recoñecendo a traxectoria e compromiso de Lijó coa educación, a igualdade de xénero e a integración social no municipio.
A proposta, recollida no IV PIOM do Concello de Camariñas, ten como obxectivo denominar co nome de Silvia Lijó á rúa que conduce ao IES Pedra da Aguia, centro no que desenvolveu gran parte da súa traxectoria como mestra. O seu legado destaca polo compromiso coa educación e a igualdade, impulsando a participación feminina no deporte, promovendo proxectos educativos inclusivos e colaborando activamente coa Asociación pola Igualdade das Mulleres de Camariñas.
Este recoñecemento en vida busca poñer en valor a súa contribución á sociedade camariñana, garantindo que as futuras xeracións coñezan o seu legado. O Concello convida á cidadanía a participar neste acto simbólico e histórico para a vila.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.