
San Pedro de Mezonzo, no barrio de Catro Camiños
Xa están definidas as dúas paradas provisionais que darán servizo ás liñas 4, 5, 20, 24 e tamén á da UDC. Estarán situadas na rúa Fernando Rey
O plan de intervencións previsto polo Goberno de Inés Rey, que inclúe actuacións en 16 paradas do transporte urbano, chega ao seu ecuador tras completarse os traballos en oito delas, todas no barrio do Castrillón
A Coruña, 28 de febreiro de 2025.- O Concello avanza estes días no plan de melloras de accesibilidade previsto en 16 paradas do servizo de transporte urbano da cidade, unha serie de intervencións cofinanciadas con fondos Next Generation que chegarán a vindeira semana ao barrio de Catro Camiños.
Será o vindeiro mércores 5, coa posta en marcha das actuacións na parada de autobús situada diante da igrexa de San Pedro de Mezonzo. A parada será remodelada e ampliada e estenderase a marquesiña para darlle servizo a máis persoas usuarias.
Ademais, tamén se renovarán os pavimentos da beirarrúa e, en paralelo, aproveitarase para reformar e mellorar os pasos peonís existentes na contorna.
Dúas paradas provisionais: ambas, ao longo da rúa Fernando Rey
Durante as obras diante de San Pedro de Mezonzo, o Concello habilitará dúas paradas de autobús provisionais para lles dar servizo ás liñas 4, 5, 12, 20, 24 e á da UDC.
No caso das liñas 4, 5 e 20, o autobús fará unha parada no cruzamento entre a rúa Fernando Rey e a rolda de Nelle. A liña 24 e a que dá servizo á UDC contarán cunha parada provisional específica á altura do número 4 da rúa Fernando Rey.
A liña 12 si seguirá a facer unha parada diante de San Pedro de Mezonzo durante o desenvolvemento das obras. A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, explicou que esta medida, consensuada coa Compañía de Tranvías, “é a máis lóxica atendendo ao feito de que a liña 12 baixa pola rolda de Nelle e, polo tanto, non podería parar no cruzamento entre Fernando Rey e a rolda, como si o farán as liñas 4, 5 e 20”. Ademais, a amplitude e lonxitude da parada en San Pedro de Mezonzo permite, ata certo punto, compatibilizar temporalmente a parada da liña 12 mentres avanzan os traballos de forma progresiva.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.