Monday 10 de March de 2025

En marcha os traballos de mellora previstos no parque da tirolina, no barrio de Novo Mesoiro, onde xa se está a renovar a área biosaudable


Ademais, ao longo desta semana, o persoal do servizo municipal de parques e xardíns traballaron na retirada das antigas barandas de madeira, que serán substituídas por setos vexetais

Este xoves comezaron os traballos de renovación da área biosaudable de Novo Mesoiro, un espazo municipal situado no parque da tirolina e concibido para fomentar e facilitar a práctica de exercicio e tonificación física ao aire libre.

A intervención arrincou onte coa desmontaxe e retirada dos antigos equipamentos, paso previo á instalación duns novos, máis modernos, resistentes e adaptados ás necesidades habituais das persoas usuarias, que contarán proximamente cunha nova bicicleta estática, unha prensa de peito doble inclusiva —deseñada para ser accesible a persoas con discapacidades físicas—, unha bicicleta elíptica, unha roda de estiramentos e tamén un banco de abdominais.

A concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz, adiantou hoxe que, tras o parque da tirolina, a seguinte intervención en materia de renovación das áreas biosaudables será en Santa Margarida, no espazo próximo ao hórreo. Os equipamentos xa están encargados.

Máis actuacións no parque da tirolina

Tamén esta semana, o persoal do servizo municipal de parques e xardíns actuou en diversos puntos do parque da tirolina, onde se están a retirar varios treitos das barandas de madeira que marcan o límite cos noiros lindeiros ás sendas peonís de Illa de Sálvora.
“Estas barandas instaláronse hai anos como medida de prevención fronte a posibles caídas polo noiro, mais os materiais foron erosionándose co paso de tempo e, por iso, no seu lugar imos plantar setos que farán de barreira vexetal, sendo un elemento que tamén cumpre a función das barandas en termos de seguridade para coas persoas usuarias do parque”, explicou a concelleira de Infraestruturas e Mobilidade, Noemí Díaz.

Deja un comentario