
O grupo municipal lembra que en Cabanas non hai alugueiros dispoñíbeis polo límite de 400€ mensuais que impón a Xunta
O BNG denuncia a inacción do goberno local, que segue sen aplicar unha moción aprobada en xullo para regular as Vivendas de Uso Turístico (VUT)
O BNG de Cabanas vén de denunciar que a convocatoria de axudas ao alugueiro da Xunta, que hoxe abre o prazo de solicitude, é unha medida propagandística do PP que non responde á situación real dos prezos da vivenda nin ás necesidades da veciñanza. O límite de prezo imposto polo Goberno galego para Cabanas (400 euros ao mes) impide que os habitantes do concello poidan acceder a estas axudas, xa que no municipio non hai dispoñíbeis vivendas dentro dese rango.
“A Xunta do PP volve demostrar que as súas políticas de vivenda son simples brindes ao sol. Lanzan convocatorias que logo non serven de nada porque establecen criterios irreais que non se axustan á realidade do mercado”, denuncia o voceiro municipal do BNG, Iago Varela. “En Cabanas, os prezos do alugueiro están moi por riba desdes 400€ e as poucas vivendas dispoñíbeis acadan cifras moito máis altas, chegando até os 2000€ mensuais nalgúns casos”.
Ante esta situación, o BNG de Cabanas lanza unha campaña para reclamar unha política de vivenda efectiva que garanta que a veciñanza poida desenvolver os seus proxectos de vida sen ser expulsada do concello por mor da especulación. Entre as medidas que propoñen están a regulación das vivendas de uso turístico (VUT) e o impulso de programas de rehabilitación de vivenda e alugueiro social.
Un goberno municipal inoperante
O BNG tamén lembra que o goberno local segue sen facer nada para afrontar a problemática da vivenda en Cabanas. En xullo de 2024, o pleno aprobou por unanimidade unha moción dos nacionalistas para regular as VUT, pero o executivo municipal segue sen aplicar os acordos tomados malia o seu voto a favor.
“Unha vez máis demóstrase que o goberno local non ten vontade ningunha de traballar en solucións reais para os problemas da veciñanza. Non só non toman a iniciativa, senón que nin sequera cumpren co que eles mesmos aproban nos plenos”, denuncia Varela.
Desde o BNG reiteran a súa aposta por un modelo de vivenda que priorice o dereito a vivir en Cabanas sobre a especulación urbanística. Do mesmo xeito, afirman que seguirán a reclamar medidas concretas para garantir que a mocidade e as familias non se vexan obrigadas a marchar por culpa da incapacidade dos gobernos municipal e galego.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.