Monday 10 de March de 2025

Rueda defense a importancia do apoio ao sector empresarial como impulso dunha Galicia competitiva e innovadora


 Salienta as medidas da Xunta para apoiar a inversión, a actividade de autónomos e pemes e a transferencia de coñecemento

 Lembra que Galicia precisa un novo modelo de financiamento pactado co Estado mediante o diálogo con todas as Comunidades Autónomas

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu hoxe a importancia de apoiar ao sector empresarial como impulso dunha Galicia competitiva e innovadora.

Acompañado polo conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e a conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, o titular do Goberno galego participou nunha comida-coloquio organizada polo Nordés Club Empresarial na que valorou as actuacións da Xunta en materia de apoio empresarial, directivo e económico para a presente lexislatura.

Rueda salientou o papel central do tecido empresarial na xeración de riqueza e emprego de calidade para o noso territorio afirmando que as empresas “son as que moven a economía” e que desexa telas como “aliados”, fomentando a colaboración público-privada.

O presidente tamén puxo en valor o compromiso da Xunta coa dinamización da economía e o apoio a quen quere investir na Comunidade, sendo o deber do seu goberno “poñer as condicións para que as empresas funcionen”, tratando de solucionar problemas como, por exemplo, o paro ou o absentismo laboral. Neste sentido, resaltou que Galicia é vista desde o exterior como un “territorio tranquilo”, con seguridade xurídica e “amigable”, pero tamén cunha administración “firme e esixente” á hora de avaliar os proxectos.

Neste senso, o xefe do Executivo galego detallou algunhas das distintas axudas activadas pola Xunta de Galicia para contribuír a dinamizar a actividade empresarial de todos os sectores. Entre elas, salientou as liñas de financiamento directo para iniciativas empresariais; as axudas para a I+D+i e a transferencia de coñecemento dende os centros de investigación ás empresas; ou as actuacións para a captación de talento e a mellor cualificacións dos profesionais apoiándose na formación. Ademais, o presidente tivo palabras para lembrar o compromiso da Xunta de aumentar o parque público de vivenda de Galicia, tamén coa axuda da iniciativa privada.

Financiamento
Ao final da súa intervención, o titular do Goberno galego sinalou que Galicia precisa un novo modelo de financiamento pactado co Estado mediante o diálogo con todas as Comunidades Autónomas para dispoñer dun mínimo de 500 M€ máis ao ano, que é o sobrecuste derivado da dispersión e envellecemento que non cobre o actual sistema de reparto.

En opinión do presidente, a parte dos xuros que afronta Galicia pola súa débeda e que deixaría de pagar coa proposta do Goberno, 42 M€ anuais, son asumibles e non supoñen un problema para as contas autonómicas. A mutualización proposta polo Goberno central esquiva o necesario debate acerca do financiamento e incrementa a débeda per cápita que lle corresponde a cada galego en 220 euros.

Deja un comentario