
A Xunta salienta a aposta decidida pola reciclaxe e a introdución de materiais sostibles nos seus procesos produtivos por parte do sector das bebidas refrescantes, que contribúen tamén deste xeito e dunha forma clave ao impulso da economía circular na Comunidade galega.
Así o destacou este mediodía a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen participou na Coruña no Encontro de bebidas refrescantes: un sector con arraigo organizado pola Asociación de Bebidas Refrescantes (Anfabra) e que reúne cada ano a empresas e pemes de todo o país para analizar os retos a futuro dunha industria con dous séculos de historia e unha longa traxectoria en España.
Tras destacar o arraigo deste sector en Galicia, que conta con 13 centros de actividade na Comunidade e se estima que dá traballo a máis de 6.300 persoas, a responsable autonómica resaltou o compromiso deste tipo de empresas coa sostibilidade.
De feito, a industria das bebidas refrescantes cumpre desde hai varios anos unha serie de compromisos voluntarios neste eido, que mesmo van máis alá da lexislación vixente, como, por exemplo, incorporar un 50% de material reciclado nos envases de plástico PET para este ano 2025.
Neste sentido, cómpre subliñar que entre as actividades programadas por Anfabra no marco do encontro celebrado na Coruña, os asistentes tiveron ocasión de realizar unha visita guiada á planta de NOSOPLAS, en Bergondo, unha empresa provedora moi destacada do sector da fabricación e subministro de envases de plástico reciclado e cuxa actividade exemplifica a implicación das empresas de refrescos coa sostibilidade.
Por último, a conselleira salientou a necesidade de que as administracións públicas traballen da man das empresas para consolidar a Galicia como un polo de atracción industrial que permita conseguir unha economía máis competitiva e comprometida co coidado medioambiental.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.