Monday 10 de March de 2025

O  concello celebrará o Día Internacional da Muller coa lectura dun manifesto e un obradoiro de solo pelviano


Tamén se inclúe na programación unha obra do ciclo Teatro con Salitre de Caión.

O Concello presenta o programa de actividades que se vai realizar en torno ao 8 de marzo para celebrar o Día Internacional da Muller, convidando a participar nas diferentes propostas a toda a cidadanía larachesa.

O acto central será o propio sábado 8 de marzo. Ás 12:00 horas na Praza do Concello celebrarase unha concentración cidadá na que se lerá un manifesto institucional. Será a cargo dos membros do Espazo de Participación da Infancia e Adolescencia (PLIA) e tamén de representantes dúas das principais asociacións culturais do municipio, como son Santa María de Torás e Arume de Caión.

Obradoiro de “Suelo Pélvico”

O mércores 12 de marzo ofrecerase un obradoiro de “Suelo Pélvico” dirixido a mulleres que se vai celebrar desde as 19:00 h na Casa da Cultura da Laracha e por un espazo de dúas horas. Para poder participar requírese inscrición previa, que é gratuíta, ao ser as prazas limitadas. As mulleres interesadas poderán anotarse vía telefónica (981612811) ou en liña (formulario web) entre o 5 e o 10 de marzo. Terán prioridade para acceder ás prazas as empadroadas no termo municipal da Laracha.

Teatro

Na programación municipal en torno ao 8M tamén se inclúe unha das funcións do ciclo Teatro con salitre de Caión debido á súa temática feminista. Trátase de Rara Avis 3.0, unha comedia de Lila Teatro na que a protagonista pretende reconciliarse co seu pasado, desfrutar do presente e propoñerse un futuro esperanzador a través da empatía, a coraxe, a perseveranza e, sobre todo, o seu particular sentido do humor.

O espectáculo será o venres 7 de marzo ás 21:00 horas no Centro Sociocomunitario de Caión, con entrada libre e gratuíta para o público ata completar o aforo.

Deja un comentario