
Subliña que compañías coma esta contribúen á imaxe de Galicia Calidade, xa que “facéndoo ben falan ben do conxunto”
Apunta que os apoios do Executivo autonómico ao tecido produtivo van máis alá das axudas económicas, acompañando tamén ás empresas en eidos como as tramitacións
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou hoxe o novo centro loxístico de Unifersa, situado no polígono industrial da Laracha, onde enxalzou a aposta da compañía por seguir crecendo en Galicia. As novas instalacións da empresa especializada na venta de ferraxería profesional e subministracións industriais contou cun investimento de 15 millóns de euros por parte da compañía para un espazo de preto de 42.000 m2.
Rueda enxalzou o desenvolvemento de Unifersa ao longo dos últimos anos e agradeceu o seu compromiso coa economía galega e coa continuidade da súa actividade no noso territorio. Neste sentido, o presidente autonómico remarcou que “neste mundo competitivo hai que intentar ser os mellores”, apuntando que “para nós é un orgullo que queirades seguir facéndoo desde aquí”.
Durante a visita, Rueda sinalou que compañías como Unifersa contribúen á imaxe de Galicia Calidade, xa que “facéndoo ben falan ben do conxunto”. O presidente autonómico salientou o compromiso da Xunta co fortalecemento do tecido empresarial, sinalando que os apoios van máis alá das axudas, acompañando tamén ás empresas en eidos como as tramitacións administrativas, “a veces case tan importantes como os apoios económicos”.
A Xunta traballa para converter Galicia nun polo de atracción empresarial e de retención do talento, con diferentes axudas para fomentar a innovación, a formación e a sustentabilidade da actividade empresarial como garantía de xeración de riqueza e de emprego de calidade para a Comunidade.
Entre elas, destaca a nova área de Innovación do Igape no ámbito industrial para fortalecer o tecido produtivo, con 60 millóns de orzamento e deseñada para facilitar a transferencia de coñecemento dos centros de investigación ás empresas; o programa IA 360, dotado con 10,2M€ e que fomenta a adopción da intelixencia artificial na toma de decisións empresariais; ou o programa igape Innova, con 4 millóns de euros, que impulsa a modernización dos procesos empresariais no deseño de novos produtos e servizos.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.