
A nova parada situarase desde hoxe na avenida do Ferrocarril, 14 e dará servizo ás liñas 5 e 12A
O Concello da Coruña habilitará a partir deste venres unha nova parada de autobús no número 14 da avenida do Ferrocarril co obxectivo de facilitar a chegada e saída de persoas usuarias á nova estación provisional de ferrocarrís. Esta iniciativa do Goberno de Inés Rey, consensuada coa Compañía de Tranvías, ten como obxectivo mellorar a seguridade viaria e peonil, así como fomentar o uso do transporte público á hora de acudir á estación.
Esta nova parada, que substitúe á que se atopa na entrada da estación de San Cristovo (parada 100), dará servizo ás liñas 5 e 12-A, en sentido saída da cidade. “Desde que comezaron as obras da estación intermodal desde o Goberno de Inés Rey estamos traballando para facilitar a experiencia da cidadanía nesta etapa transitoria”, indicou Noemí Díaz, concelleira de Infraestruturas e Mobilidade.
No caso da liña 5, o seu percorrido non varía, xa que tamén facía parada na avenida do Ferrocarril, e os buses xa comezarán a operar este mesmo venres. No caso do 12-A o cambio de parada implica variacións no percorrido, que avanzará pola avenida do Ferrocarril ata a nova parada para, posteriormente, cambiar de dirección na glorieta da estación provisional e recuperar o seu traxecto habitual pola rúa Xeneral Rubín.
Ademais, para evitar retencións e colapsos na entrada á estación, o ADIF habilitará barreiras na contorna da glorieta da estación provisional para evitar o estacionamento irregular que impida o xiro do autobús.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.