Monday 10 de March de 2025

O Pleno dá luz verde ao proxecto de orzamentos de 2025 centrados na “eficiencia social” e co foco na vivenda e atención ás persoas


O Pleno da corporación municipal deu luz verde cos votos a favor de dos grupos do BNG, CA e Grupo Municipal Socialista ao proxecto de orzamentos para 2025, que globalmente superan os 146 millóns de euros. Ademais, a corporación tamén aprobou o expediente de crédito extraordinario 2025 e de suplementos de crédito para atender as necesidades dos proxectos prioritarios, complementado así o contemplado no orzamento, por valor de 1,4 millóns de euros.

Antes da votación, a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, subliñou que “hoxe é un día importante para a veciñanza porque se aproban os orzamentos do 2025 con eixos moi relevantes: o social, a vivienda, a sustentabilidade ambiental, a mellora dos servizos públicos e o mantemento dos espazos públicos para camiñar cara a un modelo diferente”. “Estamos nun momento de compromiso coa veciñanza e quero agradecer o voto a favor socialista, a súa responsabilidade e altura de miras”, indicou. “”É un día importante porque se van aprobar uns orzamentos cos que se van poder facer políticas para a mellora da veciñanza”, proclamou.

No debate no Pleno, o concelleiro de Facenda, Manuel César Vila, explicou os principais obxectivos dos orzamentos da “eficiencia social”, que non acrecentan impostos para a veciñanza e que poñen o foco na vivenda e na atención ás persoas máis vulnerables e á veciñanza en xeral. A maior recadación prevese pola eficiencia da xestión e o labor de inspección para que haxa unha contribución igualitaria de todas as persoas contribuíntes. O concelleiro de Facenda explicou que, con estes orzamentos, o goberno aproveitará ao límite a taxa de reposición creando sete novas prazas: tres policías locais, dúas para o servizo de extinción de incendios e dúas máis para administración xeral e técnico de xestión.

“Falamos dos orzamentos da eficiencia social porque o seu obxectivo principal é a mellora nas condicións de vida da veciñanza, máis que a través da execución de grandes proxectos, co reforzamento dos servizos municipais. Non aprobar estes orzamentos suporía afectar os sectores máis desfavorecidos e, polo tanto, tería prexuízos sociais claros. De igual maneira, ficarían sen financiamento moitos proxectos en curso e non poderían ser licitados importantes contratos que fornecen servizos básicos á veciñanza”, defendeu.

Os orzamentos superan os 146 millóns de euros, cun gasto corrente que alcanza os 130 millóns e uns fondos para investimentos reais de en torno aos 12,5 millóns, que se complementan cos suplementos de crédito, polo que os investimentos reais alcanzarán os 13,8 millóns este 2025.

Manuel César explicou que, nun momento de reactivación das regras fiscais, este goberno é responsable coa estabilidade financieira, non acrecentando a débeda e mantendo os indicadores moi lonxe dos límites legalmente establecidos. “Esta responsabilidade con respecto ás normas ten a súa contrapartida co mantemento e mellora de todos os servizos municipais, mais sen acrecentar a carga fiscal para a veciñanza compostelá”, defendeu o concelleiro de Facenda, antes de esgrimir que se prevé unha maior recadación fundamentalmente debido á eficiencia na xestión de diferentes áreas municipais, ao labor de inspección e á revisión de padróns de varios tributos que se está realizando, así como a dúas novidades normativas”.

Durante a súa intervención, explicou que o goberno prevé aprobar a norma que regula a xestión dos residuos de competencia municipal e, consecuentemente, tamén está para aprobar a nova ordenanza fiscal que regula a prestación do servizo de recollida. A segunda novidade importante nos ingresos é a creación do imposto por estadías, a coñecida como taxa turística, que prevé 2,6 millóns unha “demanda cidadá que o goberno liderou en Galicia” e á que se están sumando outros concellos.

O capítulo I supera os 41 millóns de euros. Este orzamento, ademais, inclúe unha demanda sindical antiga de que as prazas de bombeiro condutor se repoñan co nivel C1 e non C2, como se viña facendo até agora.

Os gastos de funcionamento sufriron, nestes últimos anos, un importante aumento da inflación, absorbendo unha boa parte dos recursos dispoñíbeis. Neste sentido, o concelleiro lembrou que, non obstante, cómpre valorar na xusta medida que supoñen o cerne principal das competencias municipais, é dicir, a prestación dos servizos. Así, o capítulo II (66,8 millóns de euros) aumenta máis de 14%, sobre todo nos grandes contratos.

Os orzamentos fan fincapé no eixo social (SAF, bolsas de comedor ou axudas para libros ou actividades extraescolares); na vivenda, cun investimento de 4,2 millóns de euros previstos nos orzamentos e cunha partida para a rehabilitación de cinco vivendas na rúa Caramoniña; no mantemento do espazo público, e nas infraestruturas e compromiso co rural e os equipamentos directamente vinculados ao benestar, atención ás persoas ou seguranza (1.377.000 euros para obras do Estadio Verónica Boquete; a cociña central do novo modelo de comedores escolares —1.000.000 de euros—; e a rehabilitación da Casa das Persoas Maiores —432.000 para a primeira anualidade dunha obra que alcanzará o millón e medio de euros—). Igualmente, o proxecto orzamenario inclúe unha partida (75.000 euros) para a realización do proxecto da nova instalación para a cidadanía recuperando a estrutura do que ía ser o Parque de Bombeiros en Salgueiriños.

Finalmente, o proxecto conta cunha aposta pola sustentabilidade ambiental, apostando pola compostaxe da materia orgánica e renaturalización de espazos e tratamento adecuado do ciclo da auga con partidas como os 100.000 para o acondicionamento do antigo vertedoiro de Piñor e outros 100.000 para un proxecto que se presentará ás axudas autonómicas para o tratamento da fracción orgánica, xunto cun plan de fugas nas redes de auga (200.000 euros) e a reparación dunha tubaxe de captación do Tambre (250.000 euros).

Expedientes de crédito

No debate xustamente anterior, o concelleiro de Facenda explicou a relevancia dos expedientes que suplementan os orzamentos. “Traemos a este pleno unha modificación orzamentaria con tres expedientes que se vinculan estrictamente cos orzamentos por canto habilita o crédito necesario para proxectos importantes e xa comprometidos. É dicir, este e o seguinte son pezas indisolubles da folla de ruta deste goberno para o 2025, polo que non se entenden o un sen o outro aínda que estemos a debatelos por separado”, explicou inicialmente Manuel César.

O primeiro dos expedientes destínase a proxectos cofinanciados con subvencións doutras administracións públicas: Entre Sar e Sarela. Proxecto de renaturalización, mellora da biodiversidade e consolidación da infraestrutura verde de Santiago de Compostela, 200.000 euros, dotado con fondos NextGeneration; Estadio municipal Verónica Boquete, 469.907,40 euros, que complementan a subvención comprometida pola Deputación da Coruña; e unha cantidade para as obrigas municipais correspondentes aos investimentos do POS para obras do rural, 22.164,17 euros.

En canto aos suplementos de crédito, permitirá dar achegas a actuacións financiadas con fondos europeos como son. Trátase da restauración do ecosistema fluvial e creación dun bosque de saúde no río Sar, ao seu paso polo Banquete de Conxo (eco-bosque), acrecentando 39.650 euros ao crédito inicial de 170.875 euros; e Entre Sar e Sarela-proxecto de renaturalización, mellora da biodiversidade e consolidación da infraestrutura verde, dotándoo dos 513.594,91 euros que deben sumarse aos 3.383.651,89 euros de crédito concedido.

O segundo expediente de suplemento de crédito destínase a actuacións cofinanciadas e comprometidas pola Deputación da Coruña: o acondicionamento da edificación para o edificio CIRVI en Villestro, suplementando 36.348,68 euros o crédito inicial de 225.857,18 euros; e a ampliación da rede de abastecemento aos lugares de Agualada e A Torre na parroquia de Marantes, que acrecenta 124.722,43 euros ao crédito inicial de 849.958,16 euros.

Deja un comentario