Monday 10 de March de 2025

San Andrés reabre hoxe coa súa nova estética de bulevar tras finalizar os traballos de reurbanización


Inés Rey, no acto de apertura: “Completamos unha das actuacións máis importantes na Coruña deste lustro”

A rúa de San Andrés ábrese hoxe ao tráfico rodado tras finalizar os traballos de reurbanización, que se prolongaron durante 12 meses e supuxeron un investimento municipal de 3,2 millóns para que esta vía recuperase a súa configuración orixinal como bulevar, gañando zonas verdes, espazo para a cidadanía e mobiliario urbano. A alcaldesa, Inés Rey, presidiu este mediodía o acto de apertura, no que participaron tamén todos os concelleiros e concelleiras do Goberno municipal. Ademais, tamén asistiron persoas residentes e comerciantes da rúa.
“Completamos unha das actuacións máis importantes na Coruña deste lustro, seguindo coa nosa política de crear rúas máis amables, transitables e pensadas para as persoas”, sinalou a alcaldesa. O acto de apertura tivo lugar na praza de San Andrés, unhas horas antes de que se abra ao tráfico de vehículos privados, comerciais e taxis o acceso á rúa, que será libre para calquera tipo de vehículo. En canto á recuperación das liñas de transporte urbano que pasaban pola rúa, esta efectuarase o vindeiro xoves 6 de marzo, coa fin de establecer unha apertura gradual da vía.
A alcaldesa destacou que estes traballos “beneficiarán ao conxunto dos veciños e veciñas, así como ao sector comercial da rúa, pero tamén ao resto de persoas que transitan por ela a diario e ás persoas que transportan mercadorías”. Desde este xoves xa se poden usar os novos espazos de carga e descarga da rúa e a zona provisional creada durante as obras na rúa de Santa Catalina tamén se manterá en servizo.
Este xoves tamén quedarán habilitados os novos contedores para o seu uso polos veciños e veciñas, así como polos e polas comerciantes da rúa. En canto á circulación, a rúa de Santa Catalina será de sentido único de circulación cara a San Andrés desde Durán Loriga, a rúa

Hortas pasará a ser tamén de sentido San Andrés e Durán Loriga e non se poderá circular pola rúa Alta entre San Andrés e Cordelería, quedando establecida como rúa peonil con carril bici.
Novidades nas liñas de autobús urbano

En canto ás novidades nas liñas de autobús urbanos derivadas da reapertura ao tráfico de San Andrés, cabe destacar que se producirán modificacións que teñen como finalidade recuperar o tránsito pola rúa do transporte urbano á vez que se adapta o mapa de liñas á futura reurbanización dos Cantóns.
As liñas 3 e 7, no sentido de entrada á cidade, manterán o seu percorrido actual por Juan Flórez, Fernando González, Notariado, Fontán, praza de Ourense e xiro cara a praza de Mina e Cantóns. Isto débese a que xa non se poderá acceder a Cantóns desde Santa Catalina. Polo tanto, manterase tamén a parada provisional fronte ao Hotel Hesperia.

Por outra banda, as liñas 4, 6, 6A e 11, en sentido entrada á cidade, recuperarán o seu percorrido anterior ás obras de San Andrés, coa súa parada orixinal na praza de Pontevedra. En canto ás liñas 4, 5, 6, 6A 7 e 11 en sentido saída da cidade, recuperarase o seu percorrido anterior ás obras accedendo a San Andrés desde a rúa Pórtico de San Andrés. Cabe destacar tamén que pese a que a liña 11 recupera o seu percorrido por San Andrés ata a praza de Pontevedra, en sentido saída cidade, manterá os cambios derivados dos traballos na rúa de Pla y Cancela, circulando por Juan Flórez ata San Pedro de Mezonzo e rolda de Nelle. As liñas 24 e UDC recuperarán a parada en praza de Pontevedra, 18.

As obras de San Andrés, en detalle

As obras de San Andrés, executadas pola UTE formada por Abeconsa e Canarga e baixo a dirección de obra e proxecto de Eptisa, tiveron un orzamento de 3,2 millóns de euros co obxectivo de que esta emblemática vía coruñesa recuperase a súa configuración orixinal como bulevar. Os traballos leváronse a cabo entre as rúas Juana de Vega e Torreiro, incluíndo outras vías como Sol ou Pórtico de San Andrés, así como a restauración das prazas de Santa Catalina e da Cormelana.

A rúa de San Andrés pasa a estar disposta nun formato de plataforma única. Creouse un carril por cada sentido de circulación para o tráfico rodado, de tres metros de ancho e feito a base de formigón desactivado. A un lado e ao outro dispuxéronse, ademais, barreiras vexetais de 1,50 metros de ancho, que fan de elemento separador entre a calzada e as beirarrúas, que tamén foron ampliadas e renovarán, con novas lousas de granito.
Entre as iniciativas medioambientais executadas no contexto das obras, o Concello plantou en San Andrés a mesma especie de moreira que había antano, a Morus alba. Plantáronse máis de 80 nas barreiras vexetais que se dispuxeron, a un lado e ao outro, entre a calzada e as beirarrúas.
A este respecto, o Goberno de Inés Rey tamén acometeu traballos para a conservación do exemplar de Cercis siliquastrum —coñecido comunmente como a árbore do amor— situado no cruzamento de San Andrés coa rúa Santa Catalina. Ao seu arredor estableceuse un perímetro de protección, que inclúe unha nova área de lecer para a cidadanía.

Ademais, tamén se instalou novo mobiliario urbano, creando diferentes espazos de lecer, así como novas marquesiñas de autobús e sinalización. Creáronse novas zonas de carga e descarga, unha entre os números 144 e 150, outra na intersección coa rúa Nova e unha terceira no entorno da rúa Mantelería. Creáronse dúas prazas de estacionamento para persoas con mobilidade reducida (PMR). Tamén se renovou a iluminación pública, con dispositivos led de baixo consumo.

Deja un comentario