Monday 10 de March de 2025

O Concello de Oleiros conmemora o 8M cun feixe de actividades


O Concello de Oleiros programa un feixe de actividades, obradoiros e encontros durante o mes de marzo coa fin de conmemorar o Día da Muller.

Neste mes de marzo de conmemoración, celebración e reivindicación da presenza das mulleres en todos e cada un dos ámbitos que tecen a vida e conforman o desenvolvemento humano, desde o Concello de Oleiros desenvolveranse diversas actividades ao longo de todo o mes. A guía completa de actividades na páxina web, no apartado Igualdade.

Entre as actividades enmarcadas dentro desta campaña conmemorativa, atópanse 2 obradoiros do ‘Coñecerse é vivirse’. O primeiro deles, con sesións o 25 e 11 de marzo, de auto-coñecemento e saúde feminina, e o segundo, o 5 de abril, de auto-coñecemento arredor do solo pelviano. A vía de inscrición, datas e horarios e demais información de interese difundirase a través das canles municipais habituais.

Dentro da mesma programación, e coa finalidade de visibilizar ás mulleres en profesións tradicionalmente masculinizadas, o 6 de marzo terá lugar o ‘Encontro con mulleres Gardas Civís’ co alumnado de secundaria do segundo ciclo da ESO do IES María Casares, IES Miraflores, IES Neira Vilas e o centro Hijas de Cristo Rey. Co obxectivo de facilitar a participación dos centros, o Concello de Oleiros pon a disposición dos centros participantes un servizo de autobús. Neste marco de conmemoración, tamén se organizan actividades para crianzas. Así, o propio 8 de marzo, no Teatro As Torres, representarase o contacontos ‘Os contos de violeta’ (inscrición a partir do 3 de marzo), e o 14 de marzo, na Biblioteca Municipal Ánxel Fole, ‘Contamos en Igualdade’ (inscrición a partir do 10 de marzo). A vía de inscrición, datas e horarios e demais información está dispoñible na páxina web do Concello.

O propio día de conmemoración, o 8 de marzo, publicarase o vídeo manifesto ‘Semente de Vencer’ a través das canles comunicativas e redes sociais coas que conta o Concello de Oleiros. Gravado en diferentes puntos das parroquias que conforman o municipio, o vídeo manifesto realizouse en colaboración coas entidades do tecido asociativo e veciñanza oleirense. Así mesmo, alumearase en cor violeta, un ano máis, o Castelo de Santa Cruz.

Tamén, o 14 de marzo, realizarase no Teatro As Torres ás 20:30h, o recital poético ‘Con nome de muller’, a cargo da actriz Chus Álvarez e acompañada á voz e ao piano por Ángeles Dorrio. Con este, búscase homenaxear á poesía escrita por mulleres a través dunha escola de poemas únicos recitados con música en directo.

Deja un comentario