Monday 10 de March de 2025

O Concello de Ribeira segue avanzando na plantación de árbores no municipio


O Concello de Ribeira segue avanzando no compromiso de ampliar as zonas verdes e aumentar o número de árbores que hai no municipio. A brigada de Xardíns estivo esta semana realizando novas plantacións de árbores en diversas zonas do municipio, co obxectivo de mellorar os espazos públicos. Esta iniciativa busca reverdecer o espazo urbano dándolle unha maior presenza de verde ás rúas, prazas e parques, contribuíndo así a combater o cambio climático e a crear un entorno máis agradable para a veciñanza.

Neste sentido, trala tala efectuada a carón do Campo da Tasca de Aguiño, plantáronse novas árbores. Neste espazo houbo que reforestar porque no seu día o proceso de transplantado das árbores, como parte das obras de renovación da rúa Castelao, non foi o axeitado ao cortarlle as raíces provocando a súa morte. Dende o Concello lamentan que esta situación supuxo un impacto ambiental e paisaxístico, pero tamén a obriga a destinar recursos públicos para resolver un problema que se podería ter evitado cunha mellor planificación e execución das obras.

Por outra banda, tamén se plantaron novas árbores no Malecón, en substitución das palmeiras mortas así como na praza que hai diante do León de Padín. Ao longo das próximas semanas, están previstas novas plantacións de distintas especies, adaptadas ao clima da zona, que axudarán a conservar a biodiversidade local. Ademais de embelecer o municipio, estas árbores desempeñarán un papel crucial na mellora da calidade do aire e a redución da temperatura urbana.

Hortos nos colexios

A concelleira de Servizos Municipais, Tana Redondo, informa tamén que se pretende aumentar a presenza de espazos verdes nas escolas por seren espazos onde pasan unha gran parte do seu tempo, e é fundamental que estes espazos fomenten non só a aprendizaxe académica, senón tamén a conexión coa natureza. Neste sentido estanse creando hortos nos colexios de Artes e Palmeira como unha iniciativa educativa onde a rapazada aprende sobre a importancia da sustentabilidade, o ciclo de vida das plantas e o impacto positivo que teñen no medio ambiente.

Desde o goberno municipal destacan a importancia de apostar por políticas verdes que non só favorezan o medio ambiente, senón que tamén reforcen o benestar da veciñanza. Por este motivo, fan un chamamento á colaboración cidadá para coidar as novas plantacións e garantir o seu crecemento adecuado.

Deja un comentario