
— Ángeles Vázquez defende que a Comunidade é a única administración competente para identificar as áreas máis idóneas ambientalmente do seu territorio para o desenvolvemento eólico, nas que se deben simplificar os trámites administrativos
— Salienta que Galicia, en liña coa directiva europea nesta materia, xa declarou o interese público superior de iniciativas eólicas e lamenta que o Executivo central pretenda facelo agora en só dous meses a través desta clasificación de espazos
— Subliña que o Goberno galego traballa na liña marcada por Europa facilitando a tramitación de novos proxectos eólicos e as repotenciacións voluntarias que melloran a eficiencia dos parques actuais e reducen o seu impacto na paisaxe
— Lembra que a Xunta está a preparar a Lei de administración ambiental simplificada que axilizará os trámites para implantar, por exemplo, novas instalacións de renovables e avanzar así cara á neutralidade climática e a descarbonización
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, advertiu hoxe de que o Goberno central prepara unha nova zonificación ambiental vinculante que agravará a parálise do sector eólico en Galicia.
Durante a súa intervención na inauguración do Foro galego de enerxía, a conselleira defendeu que a Comunidade é a única administración competente para identificar as áreas máis idóneas ambientalmente do seu territorio para o desenvolvemento de proxectos eólicos, nas que, segundo a Directiva de aceleración de renovables e o Pacto verde Europeo, se deben simplificar os trámites administrativos.
Nesa liña, a conselleira salientou que Galicia declarou a través da Lei de Medidas de 2024 o interese público superior de iniciativas de enerxía eólica incorporando á súa lexislación a directiva europea e lamentou que o Executivo central non fixera o mesmo. De feito, criticou que pretenda facelo agora “en dous meses” a través desta nova proposta de zonificación ambiental e só despois de que a Unión Europea abrise un expediente a España por esta cuestión.
Nese senso, logo de lembrar que o 77% dos autos de suspensión de eólicos ditados polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) se basean nunha mala interpretación da zonificación actual do Goberno central, que só ten carácter orientador, Ángeles Vázquez subliñou que o problema se pode incrementar porque a partir de agora haberá zonas nas que o Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico determinará que non é posible instalar un proxecto polas condicións ambientais. “Ninguén está tan cualificado como Galicia para saber cales son as zonas aptas para a implantación de enerxías renovables”, aseverou a conselleira.
De feito, a Xunta xa está a traballar na liña marcada pola Unión Europea facilitando a tramitación de novos proxectos eólicos e as repotenciacións voluntarias que melloran a eficiencia dos parques actuais e reducen o seu impacto na paisaxe pois permiten reducir ata un 80% o número de aeroxeradores e aumentar un 35% a súa capacidade de produción de enerxía renovable. Só no último ano xa se autorizou a repotenciación voluntaria de seis parques e no caso doutros dous xa contan con avaliación ambiental favorable -a piques de autorizarse de xeito definitivo- e outro está na fase final da súa tramitación ambiental.
Ademais, o Goberno autonómico está a preparar a Lei de administración ambiental simplificada coa que Galicia se situará nunha posición de vangarda a través dun dos ordenamentos ambientais máis modernos e innovadores de todo o país, que garanta e ofreza á vez a seguridade xurídica que demandan neste eido tanto promotores como administracións públicas implicadas.
Para concluír, a conselleira subliñou que Galicia quere consolidar a súa posición de vangarda para afrontar os grandes retos climáticos a través do desenvolvemento enerxético renovable. Nesa liña, lembrou que concentra o 14% da potencia eólica instalada en España e que, no caso de construírse os parques paralizados pola Xustiza, se evitaría a emisión de 2,5 millóns de toneladas de CO2 á atmosfera, que é a cuarta parte do que necesita reducir a Comunidade para acadar o obxectivo de neutralidade climática.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.