Monday 10 de March de 2025

Xa hai máis de 400 persoas anotadas no Concurso de Disfraces, Comparsas e Carrozas de Entroido


O número pode aumentar, xa que na categoría de grupos, parellas e individual as inscricións están abertas ata o mesmo día do desfile: o domingo 2 de marzo

 

Unha vez pechado o mércores 26 de febreiro o prazo de inscrición nas categorías de comparsas e carrozas para o Concurso de Entroido de Carballo, xa hai máis de 400 persoas anotadas. O número pode aumentar porque o prazo nas categorías de grupos, parellas e individual está aberto até o mesmo día do desfile, o domingo 2 de marzo, na propia Praza do Concello. Este ano está previsto que participen seis carrozas, con máis de 150 persoas, e ata 10 comparsas, con preto de 250 persoas.

O Concurso e Desfile de Disfraces, Comparsas e Carrozas de Entroido estará presentado pola actriz Isabel Risco. Comeza ás 18.00 horas e durante o baile posterior, ás 20.30 horas co Grupo La Bamba, farase a entrega de premios. Neste 2025 increméntase de novo a contía en máis de 1.000 euros para chegar a superar os 10.000. Hay que subliñar que os importes que máis aumentan son os destinados á categoría de carrozas, xa que as axudas por participar chegan aos 300€ e o primeiro premio sube ata acadar os 1.000€, ademais de engadirse un terceiro premio de 350€.

 

Dos dez mil euros que repartirá o concurso, máis de 4.500 están destinados a gratificacións para premiar a participación na actividade. Os importes ascenden a 125€ para as comparsas infantís e a 125€ para as comparsas de adultos de menos de 25 membros, a 200€ para as de máis de 25 membros, e os xa mencionados 300€ para as carrozas. Concederanse un máximo de 20 gratificacións para os 20 primeiros inscritos. Ademais, está previsto repartir ata 17 premios e ata 1.000 euros en accésits.

 

Prazas agotadas para o un dos obradoiros de Entroido

Respecto do programa completo de actividades máis aló do concurso, entre o venres 28 de febreiro e o 9 de marzo haberá espectáculos de rúa, festas, desfiles, bailes, pasarrúas… Hai que mencionar que haberá dous obradoiros para familias que requiren de inscrición previa na Biblioteca Rego da Balsa, lugar onde se desenvolverán a partir das 11.00 horas o luns 3 e o martes 4 de marzo. O luns terá lugar un Obradoiro de sombreiros tradicionais de Entroido organizado pola AC Escola do Alprende de Carballo, para o que xa están agotadas as prazas aínda que a inscrición continúa para a listaxe de agarda por se houbera algunha baixa; e o martes un Obradoiro de Máscaras de Peliqueiro, para o que todavía quedan prazas.

  • +info e anotacións no teléfono 981 758 580.

 

 

O programa contará tamén con moita animación nas rúas xa dende o primeiro día. Así, o venres 28 de febreiro Circo Krasnovarak visitará a Praza do Concello a partir das 18.30 horas co seu espectáculo no que hai xigantes, xirafas, elefantes e mesmo monicreques. Os pasarrúas terán presenza o 2 de marzo, día do Concurso de disfraces, o Luns 3, día da Festa Infantil e tamén o martes 4 durante o Enterro da Sardiña: correrán a cargo das charangas ACDC (Atlantic Club Domestic Charanga) e de Santa Compaña.

Unha das citas que a cativada agarda cada ano é a Festa Infantil que se celebra o Luns de Entroido. Neste caso é o 3 de marzo de 18.00 a 19.30 horas e contará con música de picadiscos, xogos e animación. E outra das actividades que xa é tradicional é o Enterro da Sardiña, neste caso o martes 4 de marzo a partir das 19.00 horas. Contará coa colaboración da Aula de Teatro Municipal de Carballo que dirixe Galeatro. A comitiva do cortexo fúnebre sairá da Praza do Concello e continuará ata o Parque do Anllóns, onde a sardiña acaba no río. Colaboran na cita os servizos municipais de Policía Local e Protección Civil, así como a Agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Carballo.

O programa péchase o domingo 9 de marzo coa Corrida do Entroido, que percorre a feira e rúas de Carballo. Organizada pola AC Escola do Alprende, a cita está patrocinada pola Concellaría de Cultura.

A todas estas citas hai que sumarlle as actividades que se desenvolven en diferentes barrios e parroquias de Carballo: co Renacemento do Chorón na Milagrosa o venres 28 de febreiro e o sábado 1 de marzo; con festas do cocido en Sofán e Entrecruces o sábado de Entroido; coaa festa de Entroido con concurso de sobremesas típicas o sábado de piñata en Bértoa; ou co Festival de Entroido de Cances e o Cocido de Entroido en Bértoa o 15 e 22 de marzo, respectivamente.

Propostas para todos os públicos e para todas as idades durante unha semana intensa na que o espírito de Don Carnal estará presente en cada recuncho da vila. Organiza o programa a Concellaría de Cultura coa colaboración da Concellaría de Terceira Idade, da Concellaría de Bibliotecas, da Concellaría de Asociacións Veciñais, da Brigada Municipal de Obras, dos servizos de Policía Local e Protección Civil e da Agrupación de voluntarios e voluntarias de Protección Civil de Carballo.

 

Toda a info en: www.carballo.gal

Deja un comentario