
Hoxe queremos presentar a programación que argallou a Concellería de Cultura para o mes de marzo, un mes no que como xa sabedes, se celebra tamén se celebra o día mundial do teatro ( o día 27 de marzo). Por iso este mes que vai comezar teremos unha ampla programación teatral no novo auditorio que aglutinamos baixo o título MARZO Á ESCENA, na que combinaremos sesións de teatro afeccionado, que serán os sábados ás oito, con actuacións profesionais en forma de monólogos que terán lugar os venres ás nove e cuarto. Esta programación está dirixida a público adulto e será de carácter gratuíto con entrada ata completar a capacidade do salón.
Así pois, unha vez xa temos rematado o entroido, a primeira das representacións será o sábado 8 de marzo, a cargo da Agrupación teatral Mariñán coa obra “Croquetas”. Este é un espectáculo que chega a Ribeira grazas á colaboración da Deputación da Coruña e que vai estar xirando neste mes por varias localidades da provincia para celebrar o día do teatro.
Ao seguinte sábado, día 15 de marzo, chegará a Ribeira o grupo de teatro Airiños de Rianxo coa obra “As vellas non deben de namorarse”, unha adaptación do texto de Castelao realizada directora do grupo Amantia Coello.
O sábado 22 de marzo, a compañía Noite Bohemia, representará a súa versión da comedia de enredo de Lope de Vega, “El perro del hortelano”. E pechará as actuacións das compañías afeccionadas a comedia “Asuntos Escuros” da Asociación Club de Maiores de Boqueixón, o sábado 29 de marzo.
Respecto dos venres, tal e como se avanzou, ofreceremos dous monólogos profesionais. O primeiro será o venres 14 de marzo, a cargo da artista Bea Campos coa súa obra “Marcho que teño que marchar” , unha divertida sesión de contos e tamén un espazo para a reflexión sobre os roles e as desigualdade de xénero. É un cesto trenzado con historias protagonizados por mulleres que eran feministas sen sabelo: desde meigas artúricas ata avoas misteriosas.
E o venres 28 de marzo, teremos o “Show de Isi”, no que o recoñecido humorista fará rir a todo o público asistente coas súas historias do cotiá. Presentamos unha programación completa, diversa, variada e que combina compañías afeccionadas con sesións de artistas profesionais para festexar así tamén o mes do teatro.
Lembramos que os monólogos serán os venres ás nove e cuarto e o teatro afeccionado será os sábados ás oito, no novo auditorio municipal, con entrada gratuíta por orde de chegada ata completar capacidade. A apertura de portas será media hora antes de cada función.
Sábado 8 de marzo, “Croquetas”, da Agrupación teatral Mariñán 20:00 h Venres 14 de marzo, “Marcho que teño que marchar” de Bea Campos 21:15 h
Sábado 15 de marzo, “As vellas non deben de namorarse” do grupo de teatro Airiños de Rianxo. 20:00h
Sábado 22 de marzo, “El perro del hortelano” da compañía Noite Bohemia. 20:00 h
Venres 28 de marzo, “O Show de Isi”, 21:15 h
Sábado 29 de marzo, “Asuntos Escuros”, da Asoc. Club de Maiores de Boqueixón. 20:00h
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.