
Insistiu na responsabilidade das administracións en combater o machismo dende a base, co feminismo como eixe en todas as áreas de goberno
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, participou na apertura da xornada con motivo do 8M organizada pola Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) baixo o lema “A mocidade, forza motriz para a igualdade”. Durante a súa intervención, acompañada pola vicepresidenta executiva da FEGAMP e alcaldesa de Betanzos, María Barral, Rey destacou a importancia de involucrar ás novas xeracións na construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria, así como o papel fundamental dos concellos na garantía de dereitos e na aplicación de políticas feministas.
Inés Rey puxo en valor o traballo realizado desde os municipios para integrar a perspectiva de xénero en todas as áreas de goberno e a necesidade de seguir creando espazos de reflexión e acción para avanzar en materia de igualdade. Tamén subliñou os desafíos aos que se enfrontan as mulleres novas, como a violencia dixital ou as dificultades para acceder a espazos de liderado, e insistiu na responsabilidade das administracións en combater estas problemáticas desde a base.
Así mesmo, a alcaldesa aproveitou para felicitar á FEGAMP pola organización da xornada, que inclúe dúas mesas de debate sobre o papel dos concellos como garantes de dereitos e as boas prácticas en igualdade co foco na mocidade. “A igualdade non é só un obxectivo, é unha responsabilidade compartida”, concluíu Rey, reivindicando o compromiso das administracións locais na loita pola igualdade real e efectiva.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.