
Os técnicos de Augas de Galicia detectaron a incidencia no marco dos seus labores rutineiros de inspección neste municipio
A Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, a través de Augas de Galicia, contribuíu a eliminar recentemente un punto de vertido de augas residuais existente nunha rede de augas pluviais do concello de Pontedeume que tiña como destino final a ría de Ares-Betanzos. O persoal do Programa de Control de Vertidos (PCV) do organismo hidráulico iniciou as actuacións no marco dos labores rutineiros de inspección na rede fluvial do municipio.
No marco desas tarefas de control observouse un caudal que tiña características de augas residuais, feito que se constatou posteriormente cunha analítica, na que se confirmou a presenza dunha elevada carga contaminante de orixe fecal. As obras de mellora do saneamento en Cabanas e Pontedeume -executadas por Augas de Galicia- contribuíron a reducir os niveis de contaminación, pero non a eliminación total.
Por iso, os técnicos de Augas de Galicia volveron visitar a zona acompañados por persoal do Concello e constataron a existencia de varias liñas na rede de saneamento que remataban neste punto de augas pluviais con destino final na ría. Esta incidencia foi corrixida polo Goberno local tras realizar distintas actuacións.
Non obstante, novas analíticas realizadas na zona confirmaron que, malia diminuír o grao de contaminación, os aportes irregulares non foran eliminados totalmente. Nunha nova inspección á zona con persoal municipal, os profesionais do organismo hidráulico localizaron unha fisura nun colector da rede de saneamento que filtraba augas residuais urbanas cara esta rede de pluviais.
Unha vez constatada a emenda desta rotura, realizouse unha nova analítica da auga confirmándose a ausencia de contaminación e, por tanto, a eliminación deste punto de vertido de augas residuais.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.