Monday 10 de March de 2025

O Concello de San Sadurniño reparará pistas en Santa Mariña e no Camiño Arriba con cargo ao Plan Camiña Rural


O Concello de San Sadurniño ten consignada dentro do novo Plan Camiña Rural -o antigo Plan de camiños da AGADER- unha achega lixeiramente superior aos 86.000 euros, que deberán destinarse, de acordo con este programa, a financiar a reparación de camiños que dean acceso a terreos ou explotacións agropecuarias. Neste sentido, o Goberno local encargou un proxecto cifrado en 104.000 euros para a mellora con asfalto dunha pista na Pena -Santa Mariña do Monte- e o aglomerado do eixo As Ramisqueiras – As Leiras – Vilela, no Camiño Arriba. Esta última vía municipal, de 1.2 quilómetros de trazado, fora incluída como previsión no Plan Complementario do POS+ provincial e agora adiantarase a súa execución a través deste programa autonómico cofinanciado por Europa e polo Estado.

As pistas que se van reparar cobren case dous quilómetros da nosa rede viaria. A máis curta encóntrase no lugar da Pena, en Santa Mariña do Monte, e trátase dun camiño asfaltado de 505 metros de longo que conecta a estrada provincial DP-7603 co lugar de Vilachá pasando por detrás do Mesón Os Cazadores. No proxecto tamén se incluiu o camiño circular que lle dá servizo a dúas vivendas algo máis afastadas da pista principal, sumándolle á obra final outros 240 metros.

Dado que non é unha vía principal que soporte un tráfico intenso, os traballos correctivos consistirán nunha limpeza do firme e das cunetas que irá seguida do tapado de baches e a extensión dunha nova capa de rodadura con regas asfálticas e saburra.

Distinta será a solución que se adopte na outra pista acollida ao Plan Camiña Rural, que une os lugares das Ramisqueiras, As Leiras e Vilela, no Camiño Arriba. En primeiro lugar tamén se efectuará unha limpeza xeral da vía e das súas beiras, co cobxectivo de deixala nas mellores condicións posibles para recibir posteriormente un pavimento aglomerado de 5 centímetros de grosor e un ancho medio de 4,75 m, máis uniforme que o actual.

O Concello xa lle remitiu á AGADER a documentación relativa ao proxecto e conta con que, unha vez validada pola Xunta, poida someterse a licitación pública, de modo que a obra quede lista xa nesta anualidade aínda que o Plan Camiña Rural dea de marxe para executala o 2025 e todo o 2026. O contrato sairá por un prezo de 104.333,09 euros, impostos incluídos. O consistorio cubrirá este investimento cos 86.229 da axuda cofinanciada por Medio Rural, o Ministerio de Agricultura e os fondos europeos do FEADER.Os custes do IVE serán asumidos con fondos municipais.

O Plan Camiña Rural, antes chamado Plan de Camiños Municipais, é un programa dirixido exclusivamente aos concellos para que estes leven a cabo actuacións de ampliación, mellora ou mantemento de camiños de titularidade municipal que dean acceso en calquera punto do seu trazado a, polo menos, dúas parcelas agrícolas.

Deja un comentario