
Tras o tradicional desfile e festival das agrupacións, a troula continuará no pavillón municipal Ale de Paz cun baile e concurso de disfraces
Neda ultima os preparativos de cara ao arranque este venres da súa programación especial de Entroido. A animación e o humor das comparsas serán protagonistas nesta primeira xornada festiva que, como novidade, incluirá un baile e concurso de disfraces. Dende o Concello convídase á veciñanza e á xente do resto de Ferrolterra a desfrutar das actividades..
Un total de dez comparsas e un grupo participarán finalmente no desfile polas rúas nedenses. As máis de 330 persoas participantes partirán da avenida Castelao a iso das 20 horas, con destino ao pavillón municipal Ale de Paz, escenario do certame. Así, encherán de cor e de festa as rúas Xeneral Morgado, Sobre a Vila (vía na que quedará prohibido estacionar entre as 19.30 e as 21.30 h), avenida de Alxeciras, e Valle Inclán.
Desta volta, subirán ao escenario A Revolta de Trasancos, Os Colludos e As Xoaniñas de Chao (Ferrol); Os Argalleiros, Os Parrandolos e Tróupele Tróupele (Narón); Sratchados (Fene); Xente de aquí e acolá (Pontedeume) e, como non, A Canteira do Puntal, Semente de Trasancos e As Caralletas (Neda). O xurado premiará ás mellores comparsas nas categorías de “orixinalidade e vestimenta”, “crítica da realidade local e comarcal”, e “animación na rúa”.
Tras a entrega de diplomas, a troula continuará. Haberá baile co Dúo Estrellas e, no transcurso da festa, o concurso de disfraces, convocado polo Concello para fomentar a implicación de toda a veciñanza nesta xornada.
Poderase participar individualmente, en parella ou en grupo (máximo de seis), tendo que desfilar no escenario perante o xurado. En xogo, nove cestas con produtos típicos do entroido (tres por cada unha das categorías). Quen queira inscribirse pode facelo xa chamando á biblioteca municipal (teléfono 981390233) ou esperar ao festival de comparsas e anotarse durante as actuacións.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.