
Representantes de Coregal Parques e Xardíns asinaron un novo contrato para os próximos catro anos, por un importe anual de 433.964,30 euros
Tras o acordo adoptado hai exactamente un mes pola Xunta de Goberno Local, o Concello de Carballo vén de asinar con Coregal Parques e Xardíns un novo contrato para o servizo de mantemento, conservación e mellora dos espazos verdes e do arborado do concello por catro anos e cun importe anual de 433.964,30 euros. O acto oficial tivo lugar na Alcaldía, coa presenza de Evencio Ferrero e do concelleiro de Medio Ambiente e Servizos, Miguel Vales, en representación do Concello de Carballo, e por varios representantes de Coregal, entre eles o presidente e o vicepresidente de Cogami, Anxo Queiruga e Ramón Sestayo, respectivamente.
O contrato dos xardíns, como o da limpeza viaria ou o da limpeza de edificios, está reservado a centros especiais de emprego de iniciativa social. Por iso, máis alá da importante transformación que están a experimentar as zonas verdes do concello desde que se optou por esta fórmula, no ano 2019, o servizo que presta Coregal destaca polo seu compoñente social, xa que, como mínimo, un 70% dos/as traballadores/as teñen algún tipo de discapacidade.
Coregal Parques e Xardíns é unha das iniciativas empresariais de economía social impulsadas dende Cogami, a confederación que agrupa a boa parte das asociacións galegas de persoas con discapacidade. “O noso obxectivo -explican- é a plena integración socio-laboral de persoas con discapacidade, ofrecéndolles aos nosos traballadores/as a posibilidade de incorporarse a un mercado laboral normalizado á vez que garantimos os seus dereitos, autonomía persoal e estabilidade económica. Todo isto ten como obxectivo mellorar a súa autoestima e calidade de vida, pois somos conscientes de que a actividade profesional é fundamental na vida de calquera persoa”.
En Carballo, como empresa adxudicataria do servizo de xardíns, contará cun equipo de 10 persoas e asumirá os labores de conservación e mantemento de parques urbanos, zonas axardinadas, arborado viario, xardineiras, estruturas florais, zonas verdes dos colexios públicos, edificios municipais, espazos verdes viarios, parques forestais e periurbanos e demais zonas municipais dotadas e habilitadas como espazos verdes, así coma os axardinamentos. En total, o contrato afecta a 186.495 metros cadrados de xardíns repartidos en 137 espazos das 18 parroquias.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.