Monday 10 de March de 2025

Oleiros segue sen plan de emerxencias ante inundacións, cando é obrigatorio


As inundacións destes días en Mera e Santa Cruz poñen de manifesto a neglixencia municipal

As choivas rexistradas desde este luns motivaron a activación do Plan Inungal por parte da Xunta de Galicia. Oleiros sufriu tamén as consecuencias e comezaron a sucederse episodios de inundacións en Mera ou Santa Cruz (zona de Bartolomeu das Casas), entre outros. Entre as causas dos desbordamentos, as habituais no concello de Oleiros: canos saturados, sen limpar nin mantemento algún. E cada día máis chan impermeable, pola construción sen tregua sobre o terreo filtrante. Regachos canalizados e ribeiras sen limpar. En resumo, todos os compoñentes necesarios para que se asolaguen garaxes, baixos e vivendas.
A través do Plan Inungal establécese o marco de coordinación dos servizos de emerxencia para diminuír riscos e minimizar as consecuencias, á vez que se dá apoio aos concellos para que poidan elaborar ou actualizar os seus plans de emerxencia e que se materializa nun manual de resposta fronte a inundacións, denominado Plan de Emerxencia Municipal (PEMU), en función do risco do seu territorio para sufrir as consecuencias deste tipo de incidencias meteorolóxicas. Cada PEMU deberá ser revisado e homologado pola Dirección Xeral de Emerxencias e Interior para, posteriormente, ser aprobado no Pleno do concello.
En clave local, segundo os datos de que dispón o Partido Popular, o PEMU é “Obrigatorio” para o concello de Oleiros, pero a realidade é que non existe devandito plan. Tristemente non é unha excepción na súa contorna, xa que unicamente Bergondo dispón dun plan aprobado en 2017 e Cambre está á espera de homologación e aprobación do seu plan.

Loli Silva, portavoz municipal do Partido Popular declarou neste sentido que “non podemos esquecer a neglixencia que supón que o concello de Oleiros faga caso omiso á súa obrigación de dispoñer dun PEMU propio. O grupo municipal do Partido Popular pedirá explicacións ao concello sobre a fase na que se atopa o plan na actualidade e as razóns polas cales non foi aprobado nin implementado ata o momento. Os veciños de Oleiros necesitamos que o alcalde se tome en serio, dunha vez por todas, a seguridade dos oleirenses. E en materia de seguridade, toda precaución é pouca.”

Deja un comentario