Monday 10 de March de 2025

A programación do Día Internacional da Muller esténdese na Pobra a todo o mes de marzo


 

A Concellaría da Igualdade ofrece para o mes de marzo diversas actividades dirixidas a toda a cidadanía e a colectivos concretos “co fin de ir avanzando na igualdade real entre mulleres e homes e rachar coas fendas estruturais que perpetúan as desigualdade de xénero”, nas palabras da concelleira da Igualdade, Estefanía Ramos (Nós Pobra). No 7 de marzo inícianse as actividades co faladoiro “As discordantes”, un espazo de debate e reflexión sobre saúde mental e xénero, en que participarán a escritora Antía Yáñez, a xornalista Cláudia Morán e a psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga. A cita é no Centro Sociocomunitario e do Benestar ás 18:00 horas e a súa entrada é gratuíta. A dita actividade lévase a cabo en coordinación co departamento da Igualdade da Deputación da Coruña.
Xa no propio 8M, Día Internacional da Muller, está convocada unha manifestación que partirá ás 12.30 horas da praza do Alcalde Segundo Durán e que percorrerá o núcleo urbano para concluír na casa do concello, onde se lle dará lectura a un manifesto. Convídase toda a cidadanía a reivindica-los dereitos das mulleres nesta data significativa.
Ademais, para ese mesmo día, pódese visita-la exposición “Museo da Equidade” nos xardíns de Valle – Inclán. Esta exposición acolle as esculturas realizadas polo alumnado do CEP Salustiano Rey Eiras no pasado mes de novembro co gallo do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller e toman como punto de partida a escultura da artista Isabel Soler “Como agua”, realizada como unha homenaxe ás vítimas da violencia machista e situada tamén nos xardíns de Valle – Inclán. As pezas pretenden sensibilizar e conciencia-la poboación na prevención contra as violencias machistas.
Na mesma data, a partir das 10 da mañá, as mulleres que así o desexen poderán participar nun seminario de defensa persoal feminina no pavillón municipal da rúa de Venecia. Esta actividade ten unha duración de 3 horas e está dirixido a mulleres con idades comprendidas entre os 12 e os 70 anos de idade que estean interesadas en aprenderen técnicas de autodefensa.
É unha actividade promovida pola sección dos Deportes da Deputación da Coruña e para se inscribir é necesario facelo a través da seguinte ligazón: https://www.dacoruna.gal/…/seminario-intensivo-defensa…/ ou chamar ó 981 832764 (ext.6)
Coa intención de implicar homes e mulleres na loita pola igualdade real, no día 11 de marzo ás 16:00 horas está convocado o profesorado de tódolos centros educativos e mailas familias para participaren nun obradoiro de masculinidades positivas. É unha formación levada a cabo por Xosé Cabido, profesor da secundaria cunha ampla experiencia traballando no eido das masculinidades positivas con diferentes colectivos. Esta actividade levarase a cabo no IES da Pobra e de forma paralela estará habilitado un obradoiro de conciliación para aquelas persoas que o precisaren.
A décima edición das Xornadas Muller e Ciencia terá lugar no sábado, 15 de marzo. Serán dúas conferencias centradas na rexeneración do cerebro e na produción de biodiésel a través de algas mariñas, das 18.00 ás 20.00 horas, no auditorio da biblioteca municipal. Nesta edición presentarán os seus estudos Jannete Rodríguez-Pallares, licenciada en Bioloxía e doutora en Medicina e Ciruxía pola Universidade de Santiago de Compostela, e Xana Álvarez Bermúdez, enxeñeira agroforestal da Universidade de Vigo. Tamén se dispón dun obradoiro de conciliación para facilita-la asistencia.
E, xa para remata-las actividades de marzo, no martes 26 está prevista a instalación do stand da campaña Agresión OFF: Eu digo non á violencia sexual. Esta iniciativa está dirixida ó alumnado do IES da Pobra do Caramiñal e ten por obxectivo sensibilizar e concienciar sobre a importancia de romper con condutas violentas e non igualitarias, poñendo á disposición do alumnado diferentes talleres de sensibilización e actividades lúdicas.
Esta é unha actividade promovida dende a Consellería de Política Social e Igualdade, a través da Dirección Xeral de Loita contra a Violencia de Xénero, e no marco do Acordo de colaboración asinado coa Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Deja un comentario