
Na Xunta de Goberno Local tamén se autorizou concorrer a convocatorias da Xunta para a promoción da igualdade e a mellora da rede viaria.
A Xunta de Goberno Local adxudicou hoxe a Ascensores Enor S.L. o contrato de mantemento dos dez elevadores existentes en todos os edificios de titularidade municipal: Casa do Concello, Edificio Administrativo da Laracha, Casa da Cultura, Centro Sociocultural de Paiosaco, Centro Sociocomunitario de Caión, Edificio de Servizos Múltiples, biblioteca municipal da Laracha, oficina de información turística de Caión, Museo dos Muíños de Golmar e CEIP Otero Pedrayo.
A duración do contrato é de un ano prorrogable por outro ano máis, e o prezo do servizo ascenderá a un total de 12.342 euros. O único criterio para a adxudicación foi a proposta económica e presentáranse sete ofertas neste procedemento convocado polo Concello mediante licitación aberta.
Noutra orde de asuntos, acordouse concorrer a dúas liñas de axudas da convocatoria Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia dirixidas á promoción da igualdade. Unha delas enmárcase no Plan Corresponsables e ten por fin reforzar o servizo municipal de axuda á conciliación que se presta a través do Programa Harmoniza. A outra liña é a referida ao apoio aos Centros de Información á Muller (CIM), solicitándose a cooperación para o financiamento dos gastos do persoal adscrito a dito departamento municipal.
Tamén se confirmou a inclusión do proxecto de mellora da estrada entre O Lorteiro e Goexe, na parroquia de Montemaior, no Plan Camiña Rural 2025-2026 impulsado pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), dependente da Consellería do Medio Rural. A actuación afecta a unha lonxitude aproximada de 1.650 metros nos que se vai ampliar a plataforma da calzada, renovar a superficie de rodadura dos vehículos e mellorar a sinalización para aumentar a seguridade viaria. Investiranse 135.000 euros.
Ademais, na Xunta de Goberno Local foron concedidas licencias para a construción dunha vivenda unifamiliar no lugar do Vilar da parroquia de Coiro e tamén para a edificación dun almacén para a explotación de carne de vacún na parroquia de Lestón.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.