Monday 10 de March de 2025

Máis de 100 alumnos de catro centros educativos participan na representación do espectáculo Os sete pecados capitais, de Kurt Weill


O conselleiro de Educación, Román Rodríguez, felicita a estudantes e profesores polo seu traballo neste proxecto, exemplo de esforzo e o traballo en equipo

Están implicados o Conservatorio Superior de Música da Coruña, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde e o Centro Integrado de FP Imaxe e Son

O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, asistiu esta tarde ao espectáculo Os sete pecados capitais, de Kurt Weill, coa participación de alumnos do Conservatorio Superior de Música da Coruña, da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, a Escola de Arte e Superior de Deseño Antonio Faílde e o Centro Integrado de FP Imaxe e Son. Ademais, o Centro Dramático Galego prestou o vestiario da representación. Trátase da segunda experiencia destas características, despois de que o ano pasado seis centros educativos puxeran en escena a ópera Le Villi, de Giacomo Puccini.

O titular do departamento educativo da Xunta quixo felicitar aos máis de 100 alumnos implicados neste proxecto interdisciplinar, así como aos docentes, polo seu traballo. “Proxectos como este son un exemplo claro de que as escolas de arte, os centros de FP e os conservatorios son clave para conformar a canteira da cultura en Galicia”, destacou. “É, ademais, unha oportunidade de aprendizaxe integral e un exemplo dos valores de esforzo e traballo en equipo que se transmiten no ensino galego”, incidiu.

O evento comezou coa interpretación de October, de Eric Whitacre, e Dance Movements, de Philip Sparke, a cargo da Banda Sinfónica do Conservatorio Superior de Música da Coruña. A continuación tomou o relevo a Orquestra do mesmo centro coa posta en escena de Os sete pecados capitais, de Kurt Weill, nunha interpretación na que conflúen música, interpretación escénica, produción audiovisual e deseño para ofrecer unha experiencia inmersiva e de alto impacto artístico.

Próximas paradas: Santander e Bilbao

Cada centro educativo contribuíu desde a súa especialidade para dar forma a unha obra na que o traballo en equipo, a fusión de diferentes disciplinas e a integración de saberes artísticos e técnicos permiten alcanzar unha espectáculo único que que pon en valor a sinerxía entre diferentes ramas profesionais. Tras o seu paso pola Coruña, o espectáculo representarase tamén en Santander e no prestixioso Festival Musika-Música de Bilbao.

Deja un comentario