
O Goberno de Inés Rey continúa o seu plan de conservación e mantemento dos elementos patrimoniais da cidade. No caso dos farois, coa súa reconstrución artesanal por parte do taller compostelán Forxa Chago
O Concello comezou hoxe as obras de instalación dos farois históricos de María Pita, seis elementos de fundición que foron retirados hai uns meses para atallar a súa deterioración, propia do mobiliario exposto ás inclemencias meteorolóxicas. Os farois tiveron que ser reconstruídos dun xeito artesanal, fabricando moldes específicos para eles cos que fundir os báculos e elementos que os compoñen.
Hoxe mesmo comezou a colocación dos bulóns, que tamén tiveron que ser substituídos. As ditas pezas instaláronse sobre as bases de pedra e permitiron colocar as bases de fundición en condicións óptimas de seguridade. Nos traballos de reposición, que arrincaron este mércores, participou Santiago Martínez, ferreiro encargado de restaurar os farois.
Neste sentido, os farois chegaron estes últimos días aos almacéns municipais despois da súa recuperación integral no taller compostelán Forxa Chago. Agora, iranse repoñendo progresivamente na súa localización orixinal. A previsión do Concello é que os traballos rematen a finais da vindeira semana, cando se complete a colocación das novas luminarias e tamén a reactivación da conexión eléctrica.
Con esta medida, o Goberno de Inés Rey dá continuidade a un plan de intervencións que nos últimos anos permitiu a recuperación de múltiples elementos patrimoniais históricos e artísticos da Coruña. Entre eles, os reloxos históricos —Obelisco, Palacio Municipal de María Pita, IES Eusebio da Guarda e o floral dos xardíns de Méndez Núñez— e conxuntos escultóricos como os Ártabros, preto da Torre de Hércules.
Esta medida estendeuse tamén aos barrios, co que se respondeu ás demandas veciñais con actuacións en elementos de gran simbolismo como o cruceiro de Labañou, un Ben de Interese Cultural (BIC) que foi restaurado polo Concello o ano pasado.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.