
Os Orzamentos Participativos da área de Mocidade entran hoxe na fase de votación para decidir o destino de 100.000 euros do presuposto municipal. Os mozos e mozas poderán elixir entre máis dun cento de propostas de diferentes áreas temáticas, e as máis votadas executaránse ao longo do ano. A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude, María Rozas, explicou en rolda de prensa o proceso de votación, que se prolongará ata o 24 de marzo.
A tenenta de alcaldesa salientou que o proceso dos Orzamentos Participativos “volve rachar cos estereotipos e demóstranos que a mocidade quere participar na vida pública”. Nese sentido, María Rozas incidiu na “variedade e na calidade das propostas recibidas”, que atenden a áreas temáticas moi diferentes, e que poñen de relevo “que temos unha mocidade con moitos intereses e cunha consciencia social, que temos que atender desde as administracións”. A concelleira incidiu en que “os Orzamentos Participativos son unha ferramenta para termos unha democracia máis participativa, que non se limite a depositar un voto cada 4 anos, e que permite que os mozos e mozas teñan capacidade de decisión”.
Nesta edición dos Orzamentos Participativos presentáronse un total de 179 propostas, das que foron validadas as 159 que cumprían os requisitos técnicos ou que non foron retiradas polas persoas propoñentes. As propostas similares foron agrupadas, de maneira que finalmente son 103 as sometidas a votación.
A concelleira de Dereitos e Servizos Sociais, Promoción Económica e Xuventude explicou que moitas destas propostas foron recollidas a partir dos obradoiros presenciais que se celebraron en diferentes institutos, no Centro Xove da Almáciga, e en entidades sociais, nos que participaron máis de 600 persoas. Tamén se habilitaron puntos de información na Biblioteca Ánxel Casal e en espazos vinculados á Universidade de Santiago. María Rozas aproveitou a rolda de prensa para agradecer a colaboración tanto da USC como dos outros centros educativos que participaron no proceso.
Áreas temáticas diversas
As propostas sometidas a votación están agrupadas en dez áreas temáticas diferentes. A que aglutina máis achegas é a do deporte, con actividades como a organización dun torneo de fútbol 7, exhibicións de bádminton ou xadrez, ou competicións de disciplinas urbanas como o parkour. Relacionadas coa música pasaron á fase de votación iniciativas como a organización dun concerto solidario, festivais de música urbana ou artistas emerxentes, ou concertos na zona rural.
Tamén se recolleron numerosas propostas relacionadas co cine e o sector audiovisual, entre elas ciclos de cine ao aire libre con diferentes temáticas, maratóns de cine en sala, ou eventos relacionados co manga e o anime. Tamén hai propostas relacionadas con outras disciplinas artísticas, como pode ser a celebración dunha feira de ilustradoras ou a organización de talleres de artesanía ou fotografía.
A gastronomía é outra das categorías nas que se recibiron numerosas achegas moi variadas: xornada de foodtrucks, obradoiros e concursos de diferentes temáticas concretas, actividades interxeracionais ao redor da cociña.
Nesta edición dos Orzamentos Participativos presentáronse moitas propostas que foron agrupadas na categoría de ciencia, tecnoloxía e saberes, que van desde xornadas para a observación das estrelas ata a celebración de feiras científicas, pasando por actividades de formación relacionadas coa automoción e o mantemento dos vehículos. Nos apartados do medio ambiente e a saúde pódense votar tamén interesanes propostas como andainas botánicas ou visitas guiadas a parques e espazos naturais, ou cursos de primeiros auxilios ou charlas sobre os efectos do alcohol. Relacionado cos animais, propóñense actividades como campañas de fomento do voluntariado ou propostas relacionadas coa atención ás colonias felinas.
Dentro do apartado de igualdade, diversidades e sexualidade atópanse iniciativas como actividades de formación ou charlas para xente moza con diferentes temáticas concretas; e no eido da inclusión social aparecen accións dirixidas a menores en situación de acollemento, encontros interxeracionais ou obradoiros de lingua de signos. Por último presentáronse unha serie de propostas que foron agrupadas baixo o epígrafe de emprendemento, emprego e economía circular, como a dinamización dun grupo de consumo ou a organización de charlas sobre as finanzas ou o mercado laboral.
Procedemento de votación
Na fase de votación dos Orzamentos Participativos de Xuventude poderán participar os mozos e mozas nacidos entre 1995 e 2009, que estean censadas en Santiago ou que acrediten que estudan ou traballan en Compostela. As persoas que participen no proceso, a través da web decide.santiagodecompostela.gal, deberán seleccionar obrigatoriamente tres propostas distintas, e puntualas con 3, 2 ou 1 punto, segundo o grao de preferencia. O prazo de votación rematará o 24 de marzo.
Ademais, habilitaránse puntos de votación presencial en diferentes espazos vinculados á Universidade de Santiago. O primeiro será o xoves, 6 de marzo, na Facultade de Ciencias Políticas de 11:00 a 14:00 horas, e na biblioteca Concepción Arenal pola tarde, de 16:00 a 19:00 horas.
O departamento de Mocidade executará as propostas máis votadas, ata completar o orzamento de 100.000 euros asignado aos Orzamentos Participativos. Na edición anterior puideron desenvolverse un total de dez propostas.
Deja un comentario
Lo siento, debes estar conectado para publicar un comentario.