Monday 10 de March de 2025

Conta atrás para a carreira popular da Torre de Hércules, con máis de 1.800 persoas inscritas na apertura do circuíto Coruña Corre 2025


Este mércores habilitouse a inscrición na andaina solidaria que conmemora o Día da Muller, unha iniciativa que se realizará en paralelo á carreira da Torre. A participación na andaina é gratuíta, logo da inscrición previa na web municipal

Máis de 1.800 persoas xa se inscribiron na XIII edición da Baixada Popular da Torre de Hércules, primeira proba no calendario do circuíto de carreiras populares Coruña Corre 2025, que terá lugar o sábado 15 de marzo.

A carreira en categoría absoluta arrincará ás 20.00 horas desde o paseo dos Menhires, punto de partida dun percorrido de 6,3 quilómetros sobre asfalto, que pasará polo barrio de Durmideiras e a contorna da praia de Santo Amaro. O trazado continuará polo paseo marítimo, ao longo dos Pelamios, con chegada ás Ánimas e volta posterior en dirección á Torre, tamén polo paseo, con meta ao pé do monumento.
O mapa dixital co percorrido completo xa se pode consultar nesta ligazón.
A xornada deportiva comezará a media tarde coa realización das probas correspondentes ás categorías inferiores, con saídas progresivas desde as 17.10 horas, cando arrincarán as carreiras específicas para nenas e nenos.

O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, lembrou que a inscrición na carreira pecharase o domingo 9 de marzo, unha semana antes da proba. “Animo a cidadanía a participar nesta primeira proba do circuíto, unha iniciativa que, ano tras ano, congrega a moitísimas persoas que comparten a nosa paixón polo deporte, a vida activa e a visibilización dos beneficios que ten, a escala interxeracional, o fomento dos hábitos saudables”, razoou Vázquez.

A quinta edición da Andaina Conmemorativa polo Día da Muller pechará a xornada na Torre
Ademais, como xa é habitual na realización da carreira popular da Torre de Hércules, a proba complementarase co desenvolvemento da andaina conmemorativa polo Día da Muller, que este ano chega á súa quinta edición e forma parte das iniciativas impulsadas polo Goberno de Inés Rey en materia de igualdade.

O percorrido, accesible e de case cinco quilómetros, comezará no paseo dos Menhires ás 20.05 horas, pouco despois da saída da carreira da Torre en categoría absoluta.
A concelleira de Benestar Social, Participación e Igualdade, Nereida Canosa, lembrou hoxe que “a participación na andaina é gratuíta”, con inscrición previa na web de Coruña Corre.

Deja un comentario